Europa?

COMO no día de hoxe unha parte considerable da superficie impresa deste xornal —e tamén da dos outros xornais— vén dedicada aos resultados da consulta electoral celebrada onte e como non serán poucos os estudos de resultados, os intentos de explicación das diferentes causas posibles, as xustificacións positivas e negativas, as procuras de culpables onde haxa perdas e exaltación dos estrategos onde se supoñan ganancias, todos eles asinados por especialistas na materia, analistas afeccionados e, sobre todo, pola man de algúns significados compoñentes do banco dos reservas dos principais partidos políticos, montemos, xa que logo, no vehículo que isto carreta e fagamos por dar razón da ledicia que para tanta xente supón o remate dunha campaña electoral tan vulgar, tan escasa de imaxinación e tan sobra de miseria moral que acabou por nos transmitir unha sensación máis propia das sentinas do noxo que dos supostamente aseados salóns da política.

Pois ben, agora que xa temos representantes no Parlamento europeo non estaría de máis que se nos informase, aínda que sexa a grosso modo, do que alí pretenden facer para beneficio dos demais e de como se amañarán para poder levar adiante esas súas, imaxino que xenerosas, intencións. Porque a verdade é que até o de agora soamente se nos dixo da esterqueira interior hispánica na que, polo visto, andan a se aborcallar uns e outros salpicando sen reparo a todo canto se move ao arredor como se a única razón destes últimos comicios estribase no desprestixio mutuo —e falo, esencialmente, da actitude demostrada polos dous partidos políticos máis poderosos, mesmo sabendo que non son eles os únicos e que tampouco non podemos incluír a todos os seus membros— esquecendo por enteiro o interese que en nós puidese espertar unha Unión Europea que, dito sexa de paso, segue a se parecer demasiado ao templo da Sagrada Familia de Barcelona, inmerso desde hai tanto tempo nun estado de obra permanente que esa situación de provisionalidade está chegando a se converter en algo semellante á súa feitura definitiva.

E así hoxe resulta pouco menos que inevitable preguntarnos polas posibilidades que realmente temos de poder un día celebrar o albaroque de tan ponderada construcción contando cos obreiros cos que contamos.

Comentarios