Europa, paso da oca

DEBEMOS crer que todos os que defenderon sen dúbidas a incorporación á CEE (1986) facíano non só de boa fe senón sen débito a intereses espúreos. Deberemos pensar tamén que os argumentos de total alegría e futuro de gloria prometidos, baseábanse máis nos desexos que en análises contrastábeis. Porque, agora poderemos recordalo, naqueles anos había algunhas persoas e algunhas organizacións políticas que poñían en cuestión a inquebrantábel onda de adhesións á corrente dominante de comunitarización europea.

Aos que, como é o meu caso, defendemos que perder soberanía como Estado non era un ben en si mesmo, que a entrega dos medios de política económica para regular os sectores de actividade produtiva propios non era tampouco un bo negocio, que deixar a outros gobernar os nosos intereses sen contraprestación democrática, non era un bo asunto, fomos tratados no mellor dos casos de extravagantes e no peor de profetas do non. ¿Cantos dos gobernantes actuais darían un potosí por gozar dun pouco máis, só un chisquiño, de marxe de manobra para poder solventar os problemas de pobreza derivados de tanta riqueza comunitaria? Tan alto chegamos, tanto foi o crecemento derivado da nosa estadía na CE e na UE que agora non chega tanta riqueza para tapar unha pobreza e unha descomposición social peor que a da época da emigración franquista.

Miremos aos nosos veciños portugueses, e examinemos con ollos de cidadáns amantes da democracia o que acaba de pasar. O alto tribunal, o Constitucional, declara anticonstitucional o recorte de paga extraordinaria dos funcionarios públicos. E o executivo portugués, despois dunha reunión extraordinaria para decidir o que facer, recoñece de facto que o mandato comunitario de cumprimento das condicións do rescate non é negociábel; son condicións superiores ás normas portuguesas emanadas da súa máis alta instancia xurídica gardiá da Constitución. O goberno portugués engurra o xesto e dobrégase ante un mandato da Comunidade sen posibilidade de negociación, nen aprazamento nen consideración de necesidade: houbo de cambiar benestar -ensino e saúde dos cidadáns portugueses- por condicións do rescate. ¿Quen dixo que a vida dos portugueses vale menos que a estabilidade do euro que precisa a República Federal de Alemaña? ¿Onde está escrito que vale máis a norma comunitaria ditada por un órgano non democrático, non elixido e que non rende contas, que a vida das persoas?

¿Por que temos que seguir marchando ao paso da oca cara a un precipicio? Sucede que na Europa comunitaria confundiron os papeis e só contamos como números para traballar e consumir. E, de paso, se no proceso nos consumimos rápido, mellor que tarde, que xa dixo a señora Merkel: demasiado bo clima, demasiada boa vida, demasiados vellos. Será envexa ou simplemente resentimento?

Comentarios