''Eu vexo normal ser estranxeiro e nacionalista porque o meu proxecto de vida está en Galicia''

O folk galego atraeuno a esta terra e aquí namorárono unha muller e unha das tantas aldeas abandonadas que proliferan pola Galicia interior, neste caso na cuna dos peliqueiros. Alí, hai un concelleiro que fala galego con acento británico, logo de que David Leadbeater se enrolase nas filas do BNG convencido de que é o mellor partido “para solucionar os problemas da xente desde a proximidade”.

P ¿Que trae a un británico do condado de Kent a vivir en Galicia?
R Pois eu cheguei a España no 93 tocando música e, estando no sur, sentín curiosidade por ver como
era a terra da que saía a música do grupo Milladoiro. Escoitei un disco seu e, como non tiña moito
rumbo fixo, acabei en Galicia.

P E nunha aldea abandonada da provincia de Ourense...

R Si. Andei por Santiago e por Pontevedra e logo faláronme do núcleo de Carraxó, que era moi
bonito e estaba abandonado, e pensei que aí podía instalarme.

P ¿E como acabou meténdose a granxeiro?

R A idea foi ter unha vida autosuficiente, e logo foi o lugar quen nos ensinou como había que
facer. Tras dedicarnos a miña muller e mais eu a cultivar hortalizas ecolóxicas, agora levamos
nove anos cunha explotación de ovellas –140, non moitas–.

P Fala da súa muller. ¿É tamén británica coma vostede ou galega?
R Non, ela é da Coruña. Coñecina aquí.

P Atopou o amor logo en Galicia.
R Claro, e iso foi fundamental no proceso; o motivo fundamental polo que quedei en Galicia. Agora
temos dúas fillas.

P ¿E cando empezou a súa relación co BNG?
R Hai seis anos.

P ¿Que foi o que o atraeu donacionalismo galego?

R Nun principio o que me atraeu foi o grupo do BNG de aquí de Laza, porque a miña militancia
está orientada á situación local. O nacionalismo para min significa que as solucións dos problemas
se buscan cerca dos pobos e da xente, con proximidade e coñecemento da causa. E non me gustan os partidos estatais (risas).

P Entrou como edil tras renunciar ao cargo as dúas persoas que o precedían. ¿Como ve a crise de escindidos no seu partido?
R Pois dáme bastante lástima. Desde o meu punto de vista aldeán non creo que sexa moi produtivo e positivo para o nacionalismo galego ter que lidar con dúas forzas. Nin aquí nin en ningún lado, porque non é a primeira vez que unha forza se divide.

P ¿Como leva ser o primeiro concelleiro estranxeiro do Bloque?
R A min o feito de ser de fóra non me parece noticia, aínda que si entendo que evidentemente é curioso. Non sabía que era o primeiro edil estranxeiro ata que me chamastes os xornalistas. Pero cando fun ao congreso do BNG en Santiago aí atrás, a persoa que daba as acreditacións tamén era inglés, co cal non son eu tan único no partido.

P Demostra que se pode ser nacionalista galego sendo de fóra.
R É que para min é algo totalmente normal, porque o meu proxecto de vida está en Galicia; non son unha persoa que ten posto nin medio ollo en Inglaterra.

P ¿Como foi a reacción dos seus veciños de Laza?
R Moitos felicitáronme e outros non me fixeron nin caso. Moitos déronme ánimos e iso é bo.

P Unha vez no Concello, ¿cales son os seus retos como edil?
R A curto prazo gustaríame que Laza se puxese en pé para solicitar axudas á agricultura. Iso é o primeiro que vou tentar facer, e logo hai cuestións da oposición, como fiscalizar o plano do AVE que pasa por aquí para que non faga unha desfeita coa nosa montaña.

P ¿Sentira xa no Reino Unido inquedanza pola política?
R De rapaz, con 16 ou 17 anos, en Inglaterra afilieime unha tempada á sección xuvenil do Partido Laborista, pero non me chegara a convencer daquela. Logo, durante moito tempo o que tiven foi antiinquedanza política (risas).

P Como bo nacionalista é galegofalante. ¿Custoulle aprendelo?
R Si. Aprendino falando cos veciños e escoitando a radio. Sabía castelán, pero tardei en falar galego porque tiña medo de facelo mal. Porque conforme o español é un comodín, ao galego a xente tenlle máis apego; non é unha simple ferramenta de comunicación.

P Ten vostede un apelido impronunciable. Non sei que opinará a xente de Laza...
R Si, aquí dino tal cal se escribe porque élles un chisquiño complicado, aínda que hai algún
espilido que o sabe pronunciar correctamente en inglés (risas). Pero todos me chaman David, sen complicarse.

“O que máis me gusta desta terra é a gaita e da comida quedo co polbo á feira”

P ¿Cal é a súa palabra favorita en galego?
R Folerpa.
P ¿Un lugar especial?
R O val do Gato, en Berducido (Pontevedra).
P ¿Que é o que máis lle gusta de Galicia?
R Quizais a gaita.
P ¿E tócaa?
R Si home... e tamén bailo a muiñeira.
P ¿Cal é a súa comida galega favorita?
R Gústame o polbo á feira.
P Tras 19 anos en Galicia, ¿xa se lle pegou a retranca á puntualidade británica?
R Dimo ti (risas). Teño que admitir que non a distingo aínda moi ben, aínda que si é certo
que ás veces quedo pensando que é o que me queren dicir.

Comentarios