Eu tamén quixen ser berlinés

KENNEDY plantouse ante o muro que dividía Alemaña e dixo aquilo de “eu son berlinés”. Anos despois, tiven oportunidade de coñecer directamente os últimos momentos deste símbolo do réxime comunista, vixiado a punta de metralleta. Os que intentaban saltar alén, ou os máis aventureiros que intentaban cruzar o río a nado, eran acribillados, como coellos, como parte dun protocolo ben ensaiado. Eran as ordes de Moscova, que os caudillos locais acataban obedientes. Por iso a chegada á estación fronteiriza non estaba exenta de tensión. A policía militar inspeccionaba aos pasaxeiros con detemento e un rictus de gran severidade. Un pensaba que se eran capaces de abusar daquel xeito dos seus propios cidadáns que podían facer cun estranxeiro que levantase sospeitas. Resoltas as formalidades, entrábase noutro mundo. Atrás quedaba o Berlín Occidental, bulicioso e multicolor, dando paso a uns barrios grisáceos, como o propio uniforme policial, con enormes avenidas e edificios; a vida cidadá era escasa e o visitante apenas atopaba acomodo naquela semi-cidade. O ritual de regreso foi distinto; como o tren ía cruzar toda a Alemaña do Leste, a policía subiu a bordo e rexistrou con detemento os vagóns. Con barras de ferro asegurábanse de que ningún compatriota se escondese baixo os asentos nin nos compartimentos da equipaxe. Cando estiveron seguros de que non había fuxitivos, deron orde de partir, co tren hermeticamente pechado e sen deterse ata chegar de novo ao Oeste. Costaba traballo crer que eles chamaban a aquilo o paraíso comunista, onde se pretendía defender ao obreiro fronte ao capitalismo, aínda que isto fose á conta de converter a todo o país nun gran cárcere. O último presidente da Alemaña Oriental, nunhas declaracións feitas esta semana, aínda se resistía a recoñecer o erro. Igualmente, o novo xefe do partido comunista español dicía nunha entrevista que os comunistas non teñen nada do que arrepentirse, antes ao contrario, que sempre foron eles as vítimas. Que llo diga aos presos cubanos e as súas familias, aos que el chama terroristas e axentes a soldo dos yankees, usando a retórica castrista. Para reafirmarse na súa postura, engade este dirixente que tampouco os Papas pediron perdón pola Inquisición e outros atropelos. Equivócase, porque o Vaticano, demostrando máis valentía, xa ten comezado a pedir perdón por algún dos pecados cometidos pola Igrexa. Da mesma forma, se o comunismo quere recuperar ou atraer novos votantes terá que variar o discurso e mesmo ofrecer, aos que aprecian vivir en democracia, algo máis suxestivo que un muro.

Comentarios