Eu sei

Roberto Saviano está baixo protección policial por escribir o que viu toda a súa vida na zona de Nápoles: unha mafia que se integra de sobremaneira na vida cotiá acaparando cos seus tentáculos toda actividade, tanto de xeito legal como ilegal, da que se pode lucrar. Unha situación na que ou formas parte do Sistema querendo ou formas parte do Sistema sen querer.

E o problema, como ben dixo Saviano, non é que contase o que viu posto que toda a información presente en Gomorra está plasmada nos xornais, porque todo o que conta é sabido e coñecido, o problema é que a atención se centrou no que contaba e a ninguén lle gusta estar no punto de mira. Roberto Saviano foi máis alá do "Eu sei, e teño as probas": contouno. Saviano escribindo e emulando a Pasolini, soltando a súa raiba contida, contando a realidade. Eu sei, dixo, e teño as probas.

Aquí todos sabemos. Nós sabemos o que é o concurso eólico, sabemos o que é a Rede Natura, sabemos o que son as piscifactorías, sabemos o que supoñen as obras do AVE, sabemos a onde non van os cartos da AP-9 privatizada, sabemos de convocatorias extrañas de oposicións, sabemos de información na prensa totalmente sesgada, sabemos quen padece fobia á nosa identidade e ao noso idioma, sabemos o que é Sogama, sabemos o que é o ladrillo, sabemos o que son os favores, os enchufes trifásicos e sabemos a que nos referimos cando falamos de caciquismo e a que se refería Castelao cando o citamos: "Mexan por nós e temos que dicir que chove". Son días de cicloxéneses explosivas que xeran tormentas, non é de extrañar: sabemos os nomes e os responsables de todos os nosos males. Nós sabemos e temos as probas, temos toda a nosa realidade palpable para demostralo.

O 1-M teremos que ir votar sabendo iso, agotados de saber tanto. Mentres que na Gomorra de Saviano os boss e as súas mulleres imitan aos personaxes de Tarantino, os nosos políticos imitan a Obama. A min gustaríame que aquí houbese millóns de Savianos dicindo "Eu sei, e teño as probas" para que a atención se centre nos responsables da choiva de ouriños que os cidadáns temos que aturar sen paraugas, e que teñan que mudar o seu comportamento, porque nós sabemos e, persoalmente, estou farta.

Comentarios