Eu pasmo

HAI PERSOAS QUE non perden a capacidade de se asombraren. Son algo mol, son brandas. Non endurecen, por iso mesmo asómbranse.

Eu coñezo algunhas persoas dese tipo. Evidentemente non son - como dín nas películas ianquis- triunfadoras. Son, usando esa mesma terminoloxía, perdedoras.

Quérese dicer que o seu valor de mercado é pequeno. Por iso gañan salarios baixos, viven en vivendas mellorábeis, vesten roupa de cativa calidade, teñen gostos televisivos orientados ao lixo e, en fin, levan unha vida envolvida nun circo vicioso pouco recomendábel.

Segundo a ideoloxía liberaloide dominante, esas persoas son tan donas individualmente do seu destino como o é o triunfador/a. Este, aínda procedendo dun sector social de baixa renda, logra, grazas a un pinchacarneiro no seu camiño de caída, superar todas as dificultades, e traballando coma un condenado, logra unha posición social, laboral e de renda envexábel.

Se non fose porque estamos (case) describindo a rota dun ex-xogador de balonmán convertido en triunfador por un día, pensaríamos que xa existe final infeliz para ese rápido ascenso pola escala social do veloz enriquecemento. Só era cuestión de diñeiro, porque os pasos anteriores non semellaban conter tanta vulgaridade próxima ao conxunto baleiro. O rapaz non procedía dunha familia que non lle pagase a carreira. Ademais gañou cartos na liga profesional. Coñecía o prezo do trunfo despois do esforzo. Polo menos do esforzo en deporte. Debería ter aprendido a valorar o que significa un trunfo, un gañar despois do adestramento, do traballo arduo. Debería, pero…. Non aprendeu máis que as técnicas de acumulación por ocupación, saqueo, apropiación indebida, falseamento, modificación no prezo das cousas, disimulo… e demais trapallarías vinculadas ao mal facer na vida empresarial e/ou de negocio. É dicer, se saíse ben, as revistas especializadas e a opinión pública en xeral contemplarían o caso como modelo exemplar de alguén feito a si mesmo, por obra e graza da súa valía individual.

Non obstante, o conxunto de variábeis que interviñeron son distintas das nomeadas polos promotores do trunfo individual. E non teñen pouca importancia. En primeiro lugar -e creo que decisivo-, un casorio de privilexio. Ou para ser utilizado como trampolín de privilexio. En segundo lugar, unha ambición desmedida e parece que insá. En terceiro lugar, a colaboración necesaria porque semella que non coñeceu o que se chama freo doméstico. E, finalmente, pero non menos importante, os colaboradores externos, verdadeiras águias do aroma de privilexio e do uso irresponsábel das institucións públicas.

Mais… nós non somos inxenuas nen inocentes criaturas, por que nos asombramos? Non será un exercicio de escándalo a comenencia para non tratar outros temas realmente constitutivos de delito e que afectan a miles ou mesmo millóns de persoas? Pois non, porque neste caso, rodeado de aspectos simbólicos tan relevantes, tiramos consecuencias que fan repensar sobre as bases democráticas deste Estado. Góstanos pensar que nunha democracia sólida non tería por que pasar nada se a carga da lei se botase con todo o seu peso sobre calquera que traspase a fronteira do delito. Se algún logra trato de privilexio, quer dicer que o imperio da lei é só letra impresa.

Comentarios