''Eu considérome un contador de historias''

PREGUNTA: Vostede di que comezou nisto en Radio Culleredo “medio en broma”...
RESPOSTA:
  Si, empecei con 16 anos na radio local porque sempre me gustou falar. ¿Nótase, non? Alí comezamos máis xente medio en broma medio en serio e despois moitos seguimos nisto.

P: Xa se lle albiscaba a vea. No entanto, vostede é licenciado en Humanidades.
R: ...e en Historia, diplomado en Turismo... ¡en mil cousas! Pero realmente o que me considero é un contador de historias.

P: E un bo día marcha para Suecia. ¿O frío de Galicia non lle era suficiente?
R: (Ri) Foi por motivos persoais. A miña muller, que é médico, e eu tivemos a oportunidade de vivir a experiencia. Ela sentíase atraída polo sistema sanitario e a min ofrecéranme traballar de correspondente de RNE.

P: ¿Facíase moito o sueco?
R: Facéndome o sueco era o nome do meu blog. Nel quería demostrar que en Galicia e en Suecia, malia os litros de auga que hai polo medio, somostodos iguais, tanto na lingua como na forma de ser.

P: ¿Sabería dicir ‘Galicia por diante’ en sueco?
R: (Pronuncia algo indescritible cun excelente acento nórdico e anota) Dise así: Galician framåt.

P: E regresa tras 4 anos.
R: Tivemos unha filla e, con moita tristura porque estabamos moi identificados, decidimos vir. Xa nos daba un pouco de medo pensar que ela ía medrar alí.

P: Agora levántase ás 3.30, cando algún nin se deitou. ¿Como leva ir do revés?
R: Tampouco é iso. É máis difícil o horario da xente que está traballando toda a noite. Eu déitome sobre as 9, pero teño tempo para cear e tomar algunha cana cos colegas.

Comentarios