As estratexias do medo

ESE SENTIMENTO de alerta e angustia ante o perigo. O medo que aniña nos xenes e acompaña desde sempre. No ano 1000 o milenarismo aterrorizaba coa chegada do Anticristo. Profecías sacadas dun escuro texto do Apocalipse chegan ata hoxe. A narración en directo en 1938 polo xenial Orson Welles do ataque aliénixena, agora nos arroiba. O efecto 2000 tentaba colapsar a civilización baseada na informática. O hilarante 2012 dos maias.

Sementeira de medos planetarios coa gripe A, pandemia de dólares. O diluvio universal da crise dunha economía globalizada que ninguén controla. Os perdedores soportan as desapiadadas leis neoliberais que colocan todos os ovos na cesta de bancos, aseguradoras, fondos de inversión, de pensións, especulativos.

A estratexia do medo fai perder a fe nos políticos. Sospeitamos que os nosos representantes nada representan, e que as grandes decisións non se toman nos parlamentos senón no pantanal de augas podres dos mercados. Os traballadores non atopan cravo onde agarrarse mentres perden traballos, lles quitan a casa, xibarizan soldos e recortan pensións.

O medo, inoculado para romper os vínculos sociais, é aliado do poder. Din que non podemos manter a sanidade pero ocultan que aseguradoras esperan a privatización do xigantesco negocio. Os que falan mal da función pública loitan para engulir servizos privatizados. Os que agreden aos profesores morden para copar concertos educativos e crear chiringuitos universitarios.

Perde a democracia mentres avanza o negocio privado. A insolidariedade é o cancro que metastatiza o contrato social. A democracia dos cidadáns é substituída pola ditadura dos mercados que cercena conquistas sociais. Téntase demostrar que non se pode manter o estado do benestar creado nas ruínas da posguerra mundial cando somos máis ricos.

A estratexia do medo ameaza cun modelo que importa de China a precariedade e a explotación e non é capaz de exportar desde Europa democracia e dereitos humanos. Cultura do medo para controlar as persoas nunha estratexia planificada de dominación política e control social para crear inseguridade cidadá: as pensións son excesivas, a sanidade insostible, a educación pública ineficaz, os inmigrantes colapsan o sistema do benestar. O medo paraliza protestas, inmobiliza. Respiramos a ideoloxía abafante do medo que medios de obediencia debida fabrican e propagan. Velaí o ataque desapiadado á rapazada do 15-M: perroflautas, extremistas, antisistema.

Milenarismo e profecías arrepiantes para estabular disidencias, adurmiñar a mocidade, controlar a sociedade. Os catro xinetes do apocalipse cabalgan a lombos dun cabalo desbocado: a crise enriquece a uns poucos co desvalimento da inmensa maioría. Paralizada polo medo.

Comentarios