domingo. 20.10.2019 |
El tiempo
domingo. 20.10.2019
El tiempo

"Este é un libro feito desde o sentimento de pertenza a un lugar"

Pastora Veres
Pastora Veres
Pastora Veres é a responsable do proxecto ‘Os Vilares, lareira de soños’, a través do que trata de perpetuar a memoria da parroquia guitiricense que a veu nacer. Un libro e un documental son o punto de partida dun proxecto do que foron xermolando outras propostas

Hai 25 anos, Manuel María acudía aos Vilares para inaugurar unha mostra de fotos antigas na II Romaría Labrega da Chaira. Alí, animou a Pastora Veres a recoller aquelas historias visuais nunha obra "para que non se perdese a memoria da parroquia". Un cuarto de século despois, a dedicatoria das Letras Galegas ao vilarego Xosé María Díaz Castro serviu para retomar a idea e materializala no proxecto Os Vilares, Lareira de Soños, que verá a luz neste 2016 "e así cumpriremos a encomenda do Manuel no seu ano grande".

Quen está implicado nesta recompilación da memoria dos Vilares? O que comenzou sendo a idea dun libro e un documental dirixido por Cibrán Tenreiro, foi medrando en apoios e implicación con cada entrevista e segundo se ía sabendo do traballo. Moitas persoas dos Vilares chámannos para contarnos cousas, envíannos fotos e documentos... A Lareira de Soños podemos dicir que hoxe é un traballo comunal que implica a moita xente e que tamén nos carga a Cibrán e a min de responsabilidade pola espectativa creada, pero estamos orgullosos e agradecidos á parroquia.

En que consistiu o traballo realizado ata o de agora? Falamos con persoas dos Vilares aquí, na Coruña, en Compostela, en Ferrol, Euskadi, Barcelona, Cuba, Arxentina..., buscamos en arquivos da igrexa, bibliografía, arquivo provincial, catastro do Marqués da Ensenada, Madoz... Esta tarefa de recompilar, aínda que levou tempo, é moi satisfactoria, pois entras na vida e nas emocións da xente e eu estou aí non só para escribir na miña libreta senón tamén para escoitar e compartir. Viaxo con ela a través da súa vida, vou sen présa, o importante é adentrarnos xuntos nas şúas quimeras. Rimos xuntos e ata choramos algunha vez. Observo cada detalle da súa cara, das súas mans, do seu corpo...

Que lles resta por facer? No libro faltan só dúas entrevistas, as correccións lingüísticas, maquetar coas imaxes e editalo. No documentario xa está a montaxe feita e están co son. Estamos xa na parte final do proceso.

Nos Vilares, é rara a casa onde non houbo un trapeiro, oficio humilde e emprendedor que simbolizamos cun premio


Que vai atopar o público? Un libro feito desde o corazón, desde o sentimento de pertenza a un lugar, o orgullo dos nosos antepasados, das experiencias, extrapolables ao rural deste país e dalgún xeito a calquera rural, desde esta herba pequerrechiña da que falaba Díaz Castro, non deixa de ser un traballo con contidos moi universais. O documental non vai ser un resumo do libro, é outro traballo de autor, desde unha perspectiva diferente. Compleméntanse, pero hai que ler o libro e ver a película, sonche moi diferentes!

Neste camiño foron xurdindo ideas complementarias, coma o Trapeiro de Honra, por que este premio? Efectivamente, roteiros, redes sociais, reunións con maiores, a cadeira de Díaz Castro nos Galipizza...pero Os Vilares está indisolublemente ligada aos trapeiros. É rara a casa onde non houbo trapeiros e trapeiras... Un deles, o máis representativo, Pedro de Patricio, ten un poema feito por Marica Campo que nós conseguimos que musicara Fuxan os Ventos para o seu próximo disco. Xosé Luís Foxo compuxo para a Real Banda de Gaitas a Muiñeira de Pedro Trapeiro e hai moita literatura e artigos que falan del e doutros trapeiros dos Vilares. Ese oficio humilde e emprendedor quixemos simbolizalo co premio e cada ano recoñecer o labor polo ben da parroquia a persoas ou entidades que se destacaran, a veces caladamente. O primeiro foi, como non, para Díaz Castro e o segundo, para a Romaría Labrega. polos seus 25 anos. O terceiro, anunciarémolo proximamente.

Tamén se vén de crear a Asociación Lareira de Soños. Si, estamos tramitando a súa creación e haberá unha asamblea onde se elixirá unha xunta directiva. Xorde porque a través deste traballo puxémonos en contacto moitas persoas con intereses comúns pola arte, polas letras, pola recuperación do patrimonio...non pretendemos ser unha asociación que actúe só no Vilares, aínda que nacera con xente deste contorno.

Que aprendeu con este traballo, descubriu cousas que non sabía? Pensei que coñecía a parroquia na que nacín, pero despois de ducias de entrevistas e de estudos doume de conta de todo o que aprendín, de canta sabiduría e experiencias hai na xente, cantas vivencias. Cada microhistoria podería encher un libro e mesmo algún guión cinematográfico. A grandeza das persoas desde a súa humildade encheume de admiración e de agradecemento. Aprendín máis da vida nestes dous intensos anos que en moitos pasados. Imposible resumir aquí todo o que levo aprendido, tentarei describilo da mellor maneira no libro...

E que lle gustaría que quedase? Agardo contribuír un pouquiño desde esta pequena aldea do mundo ao amor polo rural, polas tradicións, pola nosa propia historia e pola nosa lingua, ao amor polas orixes, polo que somos e de onde vimos. En cada parroquia, en cada aldea, hai un mundo de historias, imaxes, patrimonio material e inmaterial a preservar e protexer e eu, nós, só tentamos contribuír desde as nosas posibilidades, con máis vontade que recursos.

"Este é un libro feito desde o sentimento de pertenza a un lugar"
Comentarios