Estar na mula

O COÑECIDO DITO español de ‘Vuelve la mula al trigo’ aplícase a aquelas persoas que persisten no erro, ou sexa o que para nós seria ‘Estar na mula’, ou o que é o mesmo teimar, e iso xustamente é o que fai o concello de Castropol e mais o goberno asturiano co nome da Ria de Ribadeo, asunto do que nos temos ocupado aquí en numerosas ocasións, sempre provocadas pola insistencia de aquelas institucións en manterse no erro e na ilegalidade. Aparte do que ten de aldraxante; tanto como referirse ao seu executivo como ‘el gobiernin’, verba como ben se ve procedente do seu propio enxeño. O caso é que nen as autoridades da Xunta presentes no acto inaugural do alboio, nen os alcaldes, abriron o bico na inauguración do Centro de Interpretación da ‘Ria del Eo’, calquer cousa que iso sexa, realizado ao abeiro da Reserva da Biosfera Oscos-Eo e Terras de Burón.

Cando noutros lugares de Europa a moda dos centros de interpretación vai esvaecendo, aquí están no ponto culminante, como antes sucedera cos sonados parques temáticos. No seu concepto orixinal, a función destes centros consistía en poñer ao alcance do común da xente a linguaxe técnica e as complexidades do patrimonio natural ou cultural. Pero a cousa foi derivando nunha especie de oficinas de turismo, de xeito tal que a proliferación deste tipo de iniciativas de deseño, foi deturpando a idea primixenia. Por iso temos visto en letra impresa ocorrencias coma creación dun centro de interpretación da Semana Santa, e
vaite ti a ver o que nos deparará o futuro. Non coñecemos o Centro de Interpretación da ‘Ria del Eo’, pero supomos que acobillará moitas fotos e paneis, pero moi pouca ciencia desde o momento en que se trata dunha ficción, onde o que mais abonda é a rotulación falsa da Ria de Ribadeo, unha verdadeira afouteza do goberno asturiano consentida non só polos concellos galegos participantes na Reserva, senón pola propia Xunta, que desprazou ao acto inaugural a dous conspicuos representantes: o director xeral de Conserva Xeral de Espazos Naturais. Temos entendido que as autoridades están na obriga de facer cumprir a legalidade vixente, e unha vez agotados os vieiros de advertencia e mesmo de persuasión, queda o recurso da via xudicial. O órgano correspondente do Ministerio de Fomento resolveu que o nome en cuestión é Ria de Ribadeo, e aquelas autoridades que a sabendas adoptan resolucións ilegais cometen prevaricación. Con todo, o director xeral de Conservación da Natureza, interrogado expresamente sobre o asunto, dixo que o importante era «mirar más allá e ir a lo que realmente importa, el desarrollo de la Reserva». Ben que está; o caso é non mirar para onde compre e, mesmo no caso de facelo, non ver agás os canapés das inauguracións. O que un non entende é por qué o goberno municipal de Ribadeo, tan contundente con algunhas debilidades, non acude ao xulgado. E tampouco por qué as reivindicativas e abondosas asociacións viciñais non percuran o abeiro do Valedor do Pobo e do Defensor del Pueblo. É un trámite gratuito.

Comentarios