viernes. 23.10.2020 |
El tiempo
viernes. 23.10.2020
El tiempo

Estar alí

TAMÉN A MIN me gustaría estar alí, nas rúas de Berlín, aquela tarde do nove de novembro de 1989, e asistir a uns acontecementos históricos para os que se procurou unha expresión tan literal como metafórica. De estar presente o día que se produciu a caída do muro, formaría parte ademais dalgunha fotografía que me permitise puntuar nese concurso improvisado que ben se podería titular ‘Eu tamén estiven alí’, e quen sabe se, andando o tempo, non podería tirar proveito do episodio para escribir un capítulo da miñas memorias ou para lexitimar posicións. Pouco amiga de concursos, fotografías e historias, sinto máis envexa por non ser testemuña dos sentimentos que afloraron na pel dunha cidadanía confundida aínda pola sorpresa, a incerteza e a euforia, e, sobre todo, embebedarme do soño colectivo, efémero como todos os soños, do que non puidera beber no meu país cando se derrubou o muro que nos segregaba dunha Europa democrática. Naquel día tamén histórico, eu si estaba alí, pero a infancia non me permitiu gozar dos licores que a vida reservaba para a idade adulta.

Menor cobiza me deu a celebración do vinte aniversario da caída do muro malia a grandeza dos fastos, talvez pola artificiosidade e a pompa que unha celebración oficial como aquela requiría, e que deixou nun segundo plano a espontaneidade das manifestacións populares. A fotografía, nesta ocasión, era de estudio e apenas captaba a incredulidade, a ilusión e as lágrimas, nin tampouco o desencanto dalgunhas miradas. O cascallo do tempo acabou sementando a desilusión e facendo esmorecer o soño colectivo dunha verdadeira igualdade entre as dúas Alemañas e entre as dúas Europas. Tamén un día o noso país viu como a baeta da transición borraba con lixivia soños e ilusións.

Mentres Europa miraba para Berlín e para si no aniversario da caída do muro, celebrando a superación duns tempos de segregación e vergoña, o mundo seguía mirando cara a outro lado e desoíndo a resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas sobre a ilegalidade do muro que pecha o pobo palestino en Gaza e Cisxordania. O efecto das fichas do dominó xigante que foron derrubadas na capital alemá non chegou até os postos de control desoutro muro que Israel segue a construír con impunidade arredor dos territorios palestinos. Estoutra fotografía amosa familias separadas e unha cotidianeidade rota pola barreira artificial que condiciona o ritmo de vida da poboación segregada. O retrato en branco e negro da posguerra alemá revivido nestes días é substituído en Palestina por imaxes dixitais e os fogos de artificio sono, nos territorios ocupados, de artillaría. Neste caso, ninguén devece por saír na fotografía na fileira do ‘chekpoint’ nin lamenta non estar alí.

Estar alí
Comentarios