Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Estancias cheas de arte

José Grandío, nun dos cuartos cun mural sobre a ponte de Saa de Vilalba e un poema de Santamariña
José Grandío, nun dos cuartos cun mural sobre a ponte de Saa de Vilalba e un poema de Santamariña
O hostal vilalbés Terra Chá acaba de instalar nas súas habitacións paneis con poemas de autores chairegos que fan referencia aos murais paisaxísticos que xa as decoraban

Descansar contemplando a riqueza paisaxística da Terra Chá a e os seus fermosos recunchos, repousar baixo as gotas do rocío, do arco da vella ou durmir baixo a lúa ou co reflexo alaranxado do solpor chairego é un enorme privilexio. Máis aínda se esas imaxes que reproducen o contorno natural van acompañadas polas verbas máis delicadas que conforman os fragmentos dos poemas escritos por autores destas terras. Agora, gozar de toda esta riqueza artística xa é unha realidade para os clientes que se hospeden no recoñecido hostal Terra Chá de Vilalba.

A ponte de Saa ou a lagoa de Cospeito adornan as paredes sunto ás verbas de poetas como Manuel María Ou Xosé Mª Díaz Castro

"Decidín crear estas estancias con encanto para renderlle unha pequena homenaxe aos recursos da nosa comarca, que son moitos. Somos uns prilexiados por poder desfrutalos", sinala José Grandío, propietario do establecemento. As postais acrílicas, pintadas pola artista de Cospeito Pilar López Cupeiro, xa locen nas estancias do hostal dende hai un par de anos e recentemente, como complemento, Grandío decidiu incorporar poemas de autores locais para describir cada mural. "A idea xurdiu un día falando coa artista Pilar. Pensamos que sería bo ter un apoio onde se precisase o que se reflectía en cada pintura para que a xente as identificara. E ocorréusenos que quen mellor para facelo que os nosos poetas chairegos", comenta o propietario.

O traballo de selección dos fragmentos foi exhaustivo e fíxose grazas ao Instituto de Estudios Chairegos (Iescha). "Eles axudáronme e cedéronme os poemas que reflectían cada impresión acrílica ", explica. Así, as verbas de autores da talla de Manuel María, Santamariña, Xosé María Díaz Castro ou Xerardo Álvarez locen xa nas paredes do Terra Chá. "Os clientes quedan asombrados. Moitos din que lles relaxa o ambiente que se crea, algúns pregúntanme polos poemas e outros quedan impresionados polo realismo das pinturas e interésanse polos sitios. Ao final a finalidade é esta, que a xente coñeza a nosa riqueza paisaxística e artística", puntualiza. A ponte de Saa, o Castro de Viladonga, as fervenzas da Arnela ou a Lagoa de Cospeito son algúns dos recursos chairegos plasmados.

Os murais foron pintados pola artista de Cospeito Pilar López e os poemas, cedidos polo Iescha

MELLOR HOSTAL. Con 25 anos de historia, o hostal Terra Chá de Vilalba conta cun amplo recoñecemento na comarca, con varios galardóns concedidos polos propios clientes. "Hai uns anos concedéronnos o premio ao mellor hostal da provincia cunha nota de 8,1 sobre 10", precisa Grandío. "Estes recoñecementos son o resultado dun traballo en equipo das seis persoas que colaboramos no establecemento. Somos todos unha gran familia", apunta o propietario.

A limpeza, a comida caseira, a relación calidade-prezo e o trato do persoal, todo isto unido á excelente ubicación do local —rodeado dunha ampla terraza con xardín e cunha zona de xogos— son as cualidades máis valoradas polos visitantes e o que fai deste un hostal de referencia. "Seguiremos traballando para continuar satisfacendo os nosos clientes", conclúe José Grandío.

Estancias cheas de arte
Comentarios