Estamos en recesión

O último número do informe sobre conxuntura económica en Galicia, que elabora trimestralmente o Instituto de Estudios Económicos de Galicia Pedro Barrié de la Maza (clika aquí para ver o informe), é demoledor. Estamos en recesión. E non hai sinais de que a cousa vaia mellorar. Dos 10 indicadores dinámicos (taxas de variación) de actividade económica que se analizan polo miúdo, Galicia reflicte unha peor imaxe que España en 4, existe empate técnico en 2, e mellor noutros 4. ¿En qué vamos peor? En produción industrial, leido no que levamos caendo 18 meses seguidos en Galicia; en expectativas  empresariais, en matriculación de vehículos e en volume de créditos do sistema bancario. Mellor que España imos en vivendas a construír, comercio polo miúdo, ocupados e importacións. Os empates chegan nos en prezos ao consumo e nas exportacións. Pinta moi mal. E a solución só se pode poñer en práctica a escala europea.

Os gobernos autonómicos teñen mínima capacidade para alterar a situación. Tampouco o goberno español, sen política monetaria, posibilidade de devaluación e atado aos compromisos de redución do déficit. Nestes intres temos un grave problema de falta de demanda. Se entre 2.000 e 2.008 houbo demanda de máis, agora haina de menos. As familias non consumen porque hai máis paro e impostos, salarios á baixa, incerteza sobre o futuro e dificultade de aceso ao crédito. As empresas non invisten, sobre todo as que teñen o seu mercado en España, porque non vén compradores e teñen tamén dificultades para acceder ao financiamento. Os gobernos de todos os niveis recortan gasto e incrementan impostos. O sector exterior está parado por mor da crise no conxunto da UE. ¿Qué habería que facer?

En primeiro lugar, un verdadeiro pacto polo crecemento en Europa que faga do Banco Central Europeo unha panca para dar pulo á demanda. En segundo lugar, paquetes de estímulo fiscal nos países con mellor situación (Alemaña, Finlandia,…). En terceiro lugar, ampliar o prazo para que España volte a un déficit do 3%. Como mínimo, dous anos. Quizais tres. En derradeiro termo, hai que animar ao consumo interno. Consumir produtos galegos (españois) e pasar as vacacións en Galicia (España) son actos patrióticos. Quen poida seguir consumindo como hai catro anos, que non se deixe levar polo pesimismo. E que gaste.

Comentarios