As 26 propostas

Estalido outonal nos padais ponteses

A novena edición do certame de tapas Saborea As Pontes, que arrincou o pasado día 13 e se prolongará ata o domingo 22, permitirá aos clientes degustar un total de 26 propostas e entrar nun sorteo de 1.800 euros en premios

Coa chegada do outono os hostaleiros ponteses empréganse a fondo para cumprir coas demandas dos seus clientes, ansiosos pola chegada do tradicional concurso de tapas, que xa arrincou o pasado venres día 13 e se prolongará aínda ata o domingo 22.

Trátase da novena edición do certame Saborea As Pontes, que permite ensalzar a gastronomía local e darlle un pulo importante aos negocios que, durante todo o ano, xa tratan de compracer os veciños, pero nestes días, traballan aínda máis arreo para deixalos coa boca aberta coas súas propostas gastronómicas.

Este ano son un total de 26 os negocios que decidiron embarcarse nesta aventura, na que amosarán o seu bo facer na cociña presentando racións nas que priman os produtos de tempada, dándolles unha volta para sorprender os padais máis esixentes.

E ben merece a pena conseguilo, xa que os hostaleiros pelexarán por levar o premio á mellor tapa pontesa, que será escollida por unha comisión oficial, conformada por un xurado no que estarán presentes Rubén Castro, profesor técnico da escola de hostalaría de Pontedeume; Samuel Pérez, xefe de sala do restaurante asador Casa Abelleira de Brión, e Antonio Vargas, xerente dos restaurante Casa Pilar da Coruña e Santa Cristina.

As racións, que se despachan en horario de tarde pola semana, e tamén pola mañá as fins de semana, custan 1,5 euros

Ademais, os clientes que se animen a catar as propostas tamén terán un peso importante, xa que coa emisión dos seus votos determinarán a tapa pontesa máis valorada polo público.

Para facelo, deberán cumprimentar as papeletas que se entregarán nos locais, e que deberán selar polo menos nun total de oito negocios.

Os hostaleiros que acaden o beneplácito do esixente xurado e do tamén crítico público, ademais dunha placa conmemorativa, recibirán unha tablet como agasallo adicional.

E se de premios vai a cousa, os clientes que participen no certame gastronómico tamén terán a posibilidade de entrar nun sorteo de nove vales de 200 euros. Seis deles terán que ser gastados nos establecementos hostaleiros que participen no concurso e, os outros tres, en calquera negocio do comercio e hostalaría pontesa ata o 31 de decembro.

Para aqueles que non tivesen ocasión de saborear a gastronomía pontesa, aínda están a tempo. O horario no que se serven as tapas é de luns a vernes, de 19.30 a 23.00 horas, e as fins de semana o horario amplíase tamén polas mañás, de 12.00 a 15.00 horas. Todas as propostas teñen un prezo único de 1,5 euros.

A principal novidade desta cita, organizada polo Concello, a través do Ippec, e coa colaboración de Cohempo, é que os clientes poderán seguir o concurso a través da aplicación móbil Quedamos de Tapas.

Comentarios