''Esta distinción é un acto de valentía; outros danme as costas desde que me botaron de Sargadelos''

pardo.jpg
photo_camera pardo.jpg

Dende a atalaia dos seus 90 anos, Díaz Pardo repasa as súas vivencias políticas e empresariais cun pouso de pesimismo que non borran os constantes recoñecementos e homenaxes, como o que lle brindará o Concello de Cervo o día 25. Este mesmo mes recibiu o título de académico de honra da Academia Galega das Ciencias e inaugurou unha exposición na Casa da Parra compostelá cos seus cadros e debuxos, un labor artístico que deixou no seu día para dedicarse de cheo ao mundo da empresa. 


Que supón para vostede, despois das numerosas distincións recibidas, o seu nomeamento como fillo predilecto do Concello de Cervo?
A proposta foi un acto de gran valentía e honestidade por parte do alcalde de Cervo, Alfonso Villares. O traballo que desenvolvemos Luís Seoane e eu en Sargadelos está arruinado, polo que, ante esta situación lamentable, ten máis mérito que a corporación cervense recoñeza o noso labor. É un xesto que agradezo, despois de que moitos escapasen do meu carón cando me apartaron da dirección do grupo Sargadelos. Sospeito que esa manobra puido ter tamén un transfondo político, non só empresarial, por parte de xente que quere debilitar a nosa cultura.

Pese a eses reveses, estará vostede orgulloso da súa obra como impulsor de O Castro e Sargadelos?
Non me atrevo a dicir tanto. Só traballei para desenvolver un soño colectivo. A idea de recuperar a pegada histórica de Sargadelos partiu do Laboratorio de Formas de Galicia. O lugar acolleu a primeira siderurxia do país e, despois, unha fábrica de cerámica. Ibáñez, o marqués de Sargadelos, traballou co obxectivo de crear industria, de acordo coa idea patriótica da vangarda social do século XVIII. Nosoutros recuperamos ese ideal de facer país cun proxecto industrial que, ao mesmo tempo, respondía a uns valores estéticos e morais moi definidos, de defensa da cultura galega. Traballamos para converter Sargadelos nun referente. O seu Seminario de Estudos trouxo a importantes intelectuais para falar de temas de interese histórico e social.

Resultou difícil para xente que viña do exilio poñer en marcha a fábrica en plena ditadura franquista? Existía desconfianza hacia vostedes?
Cando constituímos a sociedade de Sargadelos xa estaba en marcha Cerámicas do Castro e eu traía experiencia da miña estadía en Arxentina, onde tivemos outra empresa similar na Magdalena. As autoridades políticas da época non puxeron obstáculos á recuperación dunha industria tan simbólica, cuxa creación lle daba un pouco de vida á comarca nunha etapa económica difícil.

Vostede propuxo que o grupo Sargadelos fose rexido por unha fundación...
A fundación existe, pero houbo xente que atacou o meu proxecto e fixo que quedase sen o capital necesario. Esa fundación ten agora un 9% do grupo. É un problema complicado, do que non se pode falar, pois está en mans da xustiza.

Ao longo da súa vida puxéronlle distintas etiquetas políticas. Con cal se identifica?
Nin Luís Seoane nin eu tivemos nunca carné político. Cando era moi novo, na etapa republicana, militei nas Xuventudes Socialistas Unificadas. Ante todo son republicano, porque me formei nos tempos da Segunda República. Non me identifico como nacionalista, pero defendo que Galicia ten que recuperar a sús persoalidade histórica se quere progresar. Cando se inaugurou o período republicano tiña 11 anos e, dende esa idade ata os 16, é cando se forma unha persoa, onde agroman o seu carácter e as súas ideas.

Que lembranzas ten das personalidades do galeguismo histórico que frecuentaban o taller do seu pai, o pintor Camilo Díaz Baliño?
De rapaz non compartía as súas ideas políticas, pero colaborei con eles na campaña do Estatuto de Autonomía. Plasmei en carteis dous bocetos feitos por Castelao. Un deles representaba a un home cunha macheta nunha fraga cuns rapaces ao seu lado. O paisano dicía: «—Rapaces, a nosa terra non é nosa». Debaixo aparecía a frase: «—Para que a nosa terra sexa nosa, vota o Estatuto». Noutro dos debuxos de Castelao aparecía unha rapaza dándolle de comer a unha vaca e un señorito con chisteira muxindo o animal. Estes traballos quedaron no estudo do meu pai, pero desapareceron nun dos asaltos dos falanxistas á miña casa. Na Casa da Tumbona, onde eu nacín, foi onde se chegou verdadeiramente ao acordo de unidade entre os galeguistas do norte e do sur. Hai unhas cartas de Otero Pedraio moi significativas sobre esas reunións.

E falando de patrimonio cultural, como ve o futuro da lingua galega?
O noso idioma é atacado por tódolos lados, parte da nosa sociedade non cre nel. O futuro das linguas depende da vontade de quen ten o poder. Temos o exemplo do predominio do inglés en Porto Rico fronte ao español, por non falar da situación actual en Filipinas. A maioría das empresas galegas son foráneas, usan máis o castelán. Incluso hai sectores que lle dan prioridade á aprendizaxe do inglés, o francés ou alemán por diante do galego, como se coñecer linguas alleas estívese reñido con aprender mellor e utilizar a nosa, que xa nos vén dada. Esa situación, ou a televisión en castelán, inflúe na xuventude, fai que diminúa o número de falantes, polo que corremos o risco de que o galego remate coma o latín, ou como un idioma que se estuda na universidade e se usa pouco. A Real Academia Galega e outras institucións defenden o galego, pero fano dun xeito e nun eido científico que non incide na vontade dos falantes.

Son necesarios máis emprendedores que divulguen o sentimento de galeguidade?
Hai xente que ten esa conciencia, pero esquece ás veces que Galicia pertence ás culturas periféricas do Estado e que debe asumir planteamentos similares aos que teñen de Cataluña e o País Vasco para defender a súa identidade.

En que proxectos editoriais participou?
Edicións do Castro publicou uns 1.500 títulos, dos que lle teño un agarimo especial á serie Documentos, que recolle o testemuño de xente vencellada á oposición ao franquismo, nun intento de recuperar a memoria histórica do noso país. Tamén colaboramos na difusión das obras da editorial Ruedo Ibérico, na derradeira etapa do franquismo, para divulgar obras sobre a historia recente. Xa está empaquetada para mandala á Cidade da Cultura. Creo que debe ser unha das poucas coleccións completas que hai en Galicia. Edicións do Castro tamén participou nun proxecto conxunto coa editorial Renacimiento de Sevilla e a Universidade Autónoma de Barcelona para facer unha serie de publicacións relacionadas co mundo do exilio. Tiven unha estreita relación con xente da cultura que marchou despois da Guerra Civil a Arxentina. Parte deles participaron na creación do Laboratorio de Formas e dunha serie de institucións para preservar a historia e a cultura de Galicia, Edicións do Castro foi un dos instrumentos que serviu para divulgar a obra de autores galegos.

OS FONDOS PARA A CIDADE DA CULTURA
 ''A Xunta non pode dar cartos para unha fundación pola crise''

O seu estudo está cheo de caixas e libros. Que sorpresas ou segredos garda aquí? Hai moitos documentos do Consello de Galicia no exilio, cartas de Seoane e un bo número de epístolas de Castelao, entre outros persoeiros. Gardo documentos e libros de intelectuais galegos que non se poden atopar en ningunha biblioteca da nosa comunidade. Xunto cos libros de Edicións do Castro hai uns 16.000 volumes. A maior parte dos fondos atópanse no Seminario de Estudos de Sargadelos, porque aquí non teño espazo. Trátase dunha documentación moi importante para coñecer a causa do exilio e o patrimonio cultural galego. É un deber que estes fondos queden depositados e controlados nun sitio público a disposición dos investigadores.

Os seus fillos queren unha fundación para xestionar o legado...
Os fillos son os fillos (sorrí) e teñen dereito a opinar. É fácil defender a creación dunha fundación. Cando gobernaba o bipartito na Xunta ían facela e querían mercar o edificio do Igi como sede. Pero cambiou a Xunta e tamén a situación económica. Coa crise non se lle poden pedir cartos ao Goberno galego para financiar este proxecto cando ten problemas para pagarlle aos funcionarios. De calquera xeito, os fondos de Gaiás poden pasar no futuro a unha fundación, como queda recollido no documento rubricado coa Consellería de Cultura.

Que destino lle dará aos seus fondos artísticos?
As miñas obras ou as que teño de Luís Seaone e outros pintores son independentes deses fondos documentais e, polo momento, non irán á Cidade da Cultura. O acordo só se refire aos papeis.

 

Comentarios