Esquina do Pecado

NON É MALA idea a de designar as rúas con números, como fan en Nova York; alí, un simple cálculo matemático serve para medir as distancias. Outra vantaxe é que teñen resolto o problema de poñer nomes dos que máis tarde haxa que arrepentirse. Como ocorre agora mesmo en Lugo, onde os concelleiros andan á procura de nomes de rúas que sexan politicamente correctos. Os cambios non sempre agradan aos veciños; máis alá de que estean identificados con esta ou aquela ideoloxía, o costume e os lóxicos inconvintes de mudar de dirección fanos reticentes a novas propostas. Loxicamente, para que un nome guste para que llo poñan a unha rúa tamén hai que ter en conta a súa sonoridade e mesmo o seu poder de evocación. Por exemplo, non admiro o gusto de quen discorreu levar a un barrio de Lugo a Juana la Loca, un nome tan peculiar que ninguén intentou galeguizar, pensando, tal vez, que toda mudanza acabaría por empeorar o orixinal. Tampouco tiveron fortuna os veciños de rúas como Borrachos, Cortarrabos ou Escuernavacas, que se espallan pola xeografía de España. Dei en matinar en estes asuntos ao escoitar a proposta do alcalde lugués, o señor Orozco, para darlle a unha rúa da cidade o nome dunha cidade chinesa coa que hai relacións de vello, especialmente no Campus. Paréceme estupendo estreitar lazos con China, e mellor aínda se atraemos estudantes universitarios de aquel país. Para unha Europa en declive, que está a vender a súas empresas e bancos ao capital exótico, eses alumnos e as matrículas que pagan veñen a ser una auténtica táboa de salvación para moitas universidades. O problema é que a tal cidade chámase Qinhuangdao, o que pode poñer en serios apuros a algún veciño cando teña que dar a súa dirección. Sei que non vai haber voluntarios para poñer ese nome na súa rúa, porque pon a proba a capacidade de pronunciar de calquera. Claro que xa ten habido propostas peores. Sen ir máis lonxe, unha rúa coruñesa, próxima a Riazor, leva o nome dun ilustre hispanista; o problema para os veciños e que este señor se chamaba Archer Milton Huntington. Propóñolle ao señor Orozco que neste caso aplique o sentido común, e poña ese nome chinés no mesmo barrio no que o concello ten poucos asistentes sociais, porque di que alí vive moita xente nova. Pensando en boa lóxica, mellor poñer a pronunciar ese nome tan raro a rapaces novos, cheos de entusiasmo e con poucos medos, que aos nosos abós, xa cansos de que as administracións lles compliquen a vida con outras cousas. Ou mellor pensado, o alcalde tamén pode quedar ben con Qinhuangdao e chamarlle simplemente Rúa da China.

Comentarios