Esquecemento oportuno

"Non sei se a vostedes hai algún personaxe público que lles dea noxo. A min iso pásame con Henry Kissinger, antiga man dereita de Richard Nixon", escribe Javier Nogueira

NON SEI SE A vostedes hai algún personaxe público que lles dea noxo. Non me refiro a eses que alporizan solo de atopalos na televisión ou no xornal senón a aqueles que con velos lle entran ganas a un de trousalo todo —fóra a alma—. A min iso pásame con Henry Kissinger, antiga man dereita de Richard Nixon, probablemente o peor presidente da historia dos Estados Unidos e tipo de altura moral cando menos cuestionábel. O antigo secretario de Estado estadounidense vén de sacar o que se supón será o seu derradeiro libro, Orden mundial, no que fai un repaso a moitas das cuestións que forman o espiñazo da xeopolítica actual.

Se un non sabe absolutamente nada da traxectoria do autor atopará un libro bastante útil, compendio rápido da política internacional actual escrito cun estilo áxil e comprensivo. Non hai unha bibliografía excesiva —a experiencia directa de Kissinger pódea substituír en boa parte dos casos—, hai unha breve explicación histórica e ideolóxica para os problemas máis relevantes e a análise camiña por sendeiros de interese en moitos momentos, sobre todo ao poñer enriba da mesa as contradicións das diferentes potencias rexionais, incluídos os Estados Unidos. Os últimos capítulos están dedicados a problemas máis transversais, como a tecnoloxía e conciencia humana, unha visión ética ás veces esquecida no medio de análises frías.

Non obstante é difícil non poñer en cuestión a tese principal que sostén a obra. Kissinger foi sempre un reaccionario que nos últimos anos pasou a soster teses ideolóxicas propias do neoconservadurismo. Aquí trata de destruír —en van— a importancia da Revolución Francesa como creadora dos valores que sosteñen as sociedades democráticas e, por extensión, a orde internacional. Para evitar usala como referencia remite o sistema de equilibrio entre potencias ao Tratado de Westfalia (1648), que puxo fin á Guerra dos Trinta Anos. É unha idea peregrina e desafortunada. Aquel tratado, de enorme importancia para poñer fin ás masacres dos conflitos relixiosos en Centroeuropa, nin tivo relevancia ideolóxica —xa saben, liberdade, igualdade e fraternidade— e nin sequera tivo unha enorme vixencia, xa que expertos de toda Europa consideran a Guerra de Sucesión española (1701-1713) como unha guerra mundial a escala da época. Os argumentos de Kissinger non resisten o mínimo exame consciente.

Pero claro: é mellor que todos vostedes, sobre todo os máis novos, coñezan a Henry Kissinger. Se len en inglés recoméndolles un libro, The blood telegram, de Gary Bass. Nel explícase como Kissinger e Nixon permitiron, a pesar dos avisos do cónsul xeral Blood, o xenocidio de centos de miles de bengalís en Bangladés a mans do exército de Paquistán só para manter a súa política de achegamento a China e illamento da Unión Soviética.

Este individuo miserábel actuou con frialdade ante a morte de homes, mulleres e nenos e só foi o prólogo a Vietnam. Camboia, Chile ou Chipre. Nada detiña un dos mellores e máis brillantes —en palabras do xornalista David Halberstam— á hora de consentir a aniquilación para obter os resultados políticos desexados.

Todo isto está suxeito a un esquecemento oportuno no libro. Kissinger semella non ter formado parte nunca dos problemas que describe e actúa cun cinismo verdadeiramente sorprendente. Tampouco ten ningún atranco en louvar a Richard Nixon e pasar por riba dunha cuestión menor —nótese a ironía— como as escoitas ilegais que pretendían rematar co Partido Demócrata, cheo de individuos que estaban na súa lista negra. Xa o de deixar ben a Gerald Ford, coñecido popularmente por ser incapaz de camiñar e mascar chicle ao mesmo tempo, ímolo deixar como unha cousa da idade: noventa e tres anos en maio.

Se son quen de se abstraer de todo isto, felicidades. Poderán chegar a un libro de interese e estar máis informado do que sucede no noso día a día, dende as probas con bombas de hidróxeno de Kim Jong Un ata os acordos con Irán. Pola miña parte, vou poñer a Kissinger nun andel e agardo que a seguinte vez que o vexa sexa no palco do Fürth, do que é socio de honra.

Comentarios