Esplendor na herba

Supoño que vostedes, coma min, cando pensan na coñecida película de Elia Kazan, unha das mellores da historia do cine a xuízo de moitos, lembran con máis forza as palabras con que finaliza o filme que o baril aspecto de Warren Beatty ou a louzá beleza de Natalie Wood. Son uns versos do poeta William Woodsworth: «Aínda que xa nada poda devolvernos a hora do esplendor na herba, da gloria nas flores, non debemos preocuparnos porque a beleza subsiste no recordo».

A xeito de xustiza poética, os frustrados amores dos protagonistas, os Romeo e Xulieta sen morte da Kansas dos anos vinte, sobrevivirán na lembranza. Mais só na lembranza; porque o rapaz, Bud, seguirá o camiño que o pai lle trazara, lonxe de Dennie. Esta desexará desaparecer e mesmo chegará a tolear.

Pídolles que non pensen que toleei eu se lles digo que o que está a acontecer coa Unión Europea se asemella moito a esta película. E, se o fan, que non sexa antes de que me explique.

Empezarei polas palabras inmediatamente anteriores ao ‘The End’, as do poeta romántico, que xa citei. Encerran toda a saudade dun tempo cheo de paixón e soños, duns días en que a derrota do amor non entraba nos cálculos daqueles seres posuídos pola maxia dos sentimentos. O guionista da película, sospeito, non só acudiu á poesía de Woodsworth para consolar a rapaza, senón que é o caramelo que nos dá aos espectadores para nos tirar da boca o amargor do desenlace. Mais, o que vale para as películas, non sempre é eficaz para a vida. Porén, aí seguen os que se empeñan en confundir a lembranza daquela promesa de panacea universal que ofrecía a Unión coa realidade, moi outra, que estamos a padecer. O idilio durou pouco.

Todo me fai pensar que, chegado o momento, Alemaña -que podería ser Bud- seguirá o seu camiño e a pobre Dennie -que somos nós, Italia, Portugal, Grecia, Chipre e as que cadren- sentirase abandonada porque, á fin, ese é o destino das relacións desiguais cando o guión se axusta aos peores prognósticos.

Pódese identificar o pai do protagonista coa gran banca. Ela é e dela emana toda a autoridade. Amor e dita deberán ser sacrificados, se for o caso, no altar dese Moloch de dogma único.

E, xa posta a facer cabriolas, malia non ter interlocución directa co Papa Francisco como tivo Cristina Kirchner -disque a utilizou moi mal- faríalle unha petición: Que así como outros pontífices escribiron con tanto ardor as súas encíclicas contra os ismos que consideraban materialistas (comunismo, socialismo, nihilismo), faga el o propio a proscribir este capitalismo brutal que mata. Se o escoitaren, Europa e o mundo serían outros. Bud e Dennie vivirían o seu amor.

Comentarios