Espiñas na roseira

SEMPRE FOMOS FIDEIS ADMIRADORES e beneficiarios do maxisterio de dona Maria Moliner, aquela sabia e traballadora lexicógrafa que a Real Academia Española non quixo sentar nunha das cadeiras que a conforman. E con frecuencia acudimos ao seu 'Dicionario' cando abrigamos dúbidas sobre alguns termos, ou cando o seu uso provoca rebumbio ou mesmo escándalo. E tal é o caso da xa universalmente coñecida intervención de dona Rosa Díez, deputada do partido Unión Progreso y Democracia. Lembremos: invitada por un xornalista a definir o presidente do Goberno dixo que poderia ser galego no sentido "más peyorativo del término". En canto ao lider da oposición afirmou sinxelamente que era galego, o que non deixa tamén de ter o seu aquel.

Pero ao que íamos; agora que xa media unha distancia dos acontecimentos, reparemos na polémica frase. Efectivamente o señor Rajoy é galego e o señor Rodríguez Zapatero poderia selo, e el propio asegurou que de darse o caso estaria moi orgulloso. Pero a recachada señora Díez, impelida polo proido desa virtude que ela mesma se apón como persoa directa e clara na sua linguaxe, tivo a ocorrencia de decir o que pensa, isto é galego no senso mais pexorativo do termo. Ou sexa —segundo dona Maria Moliner—, un adxectivo que se aplica ás palabras que implican censura, e que ao decir da lengoreta deputada, ocorre coa verba galego, que está na fronteira do despectivo, sen que saibamos polo de agora se no seu particular dicionario sucede o mesmo cos xentilicios das outras comunidades autónomas, cidades e países. Curiosamente ao consultar a obra antes citada na sua versión abreviada, atopamos, sen dúbida por casualidade, que a seguinte entrada, ou sexa a que ven despois de ‘peyorativo’ é ‘peyote’, un tipo de cactos pequenos que medran en México e como é lóxico subsceptible tamén de uso pexorativo e de aplicación aldraxante, o que nos leva a abrir imensas posibilidades na materia.

Tanto o señor Zapatero como calquer outra persoa, política ou non, poderia ser galego, ou catalán, ou extremeño ou de calquer outro lugar. A propia dona Rosa Díez poderia ser de Kandahar, aló en Afganistán, ainda que ben sabemos que de ser o caso veriamonos privados de escoitar as suas verbas, e tampouco poderiamos ver a sua imaxe, dados os usos e costumes de aquela exótica rexión asiática.

Pero hai ainda un engadido rechamante da autoria do gabinete de prensa da sua señoria, que sinala que os ofendidos son intolerantes, acomplexados ou perturbados nacionalistas. Velaí de qué xeito tan pavero colocan perante si un reto digno dunha cruzada, pois que un dos seus obxectivos é a loita contra os nacionalistas. Coñécese que non lle chegan os que hai para a tan esforzada tarefa, "por la adarga al brazo, toda fantasía,/y la lanza en ristre, toda corazón". Son poucos, pero turróns.

Comentarios