Esperando un milagre

SAULO DE TARSO, no seu momento gran inimigo dos cristiáns, ía camiño a Damasco cando tivo unha visión perturbadora; mesmo caeu ao chan (hai quen di que ía a cabalo, pero non hai certeza). Era Deus quen lle pedía a conversión e, naturalmente, cambiou radicalmente de orientación; hoxe é venerado pola igrexa co nome de San Paulo. Veño a comparar este caso co de Philip Gould, figura destacada do Partido Laborista inglés e un dos artífices do ascenso de Tony Blair ao poder, así como das súas políticas neoliberais, que racharon coa tradición socialista e sindicalista de ese partido político. Durante anos, Gould militou no bando dos que crían que os servizos públicos eran pouco eficaces e demasiado gastadores. Así empezou unha poda que afectou a escolas, universidades e hospitais. Claro que el o facía desde a seguridade de pertencer a boa sociedade londiniense e vivir nunha das mellores zonas residenciais. Por iso cando lle foi diagnosticado un cancro non se contentou co tratamento que lle daban na Seguridade Social e acudiu a carísimas clínicas privadas en Estados Unidos.

Mais errar é de humanos e os médicos de pago fallaron. Hoxe, Gould dáse presa en escribir unhas memorias porque apenas lle quedan tres meses de vida. Recoñece que mudou de ideas en moitos terreos. Por exemplo, recuperou a fe relixiosa, cousa na que lle axudou o seu amigo Blair, co que aínda fala a cotío. Ao tempo, volveu crer na sanidade pública. Mentres o atendían con esmero, reconciliouse cunhas enfermeiras que agora considera mal pagadas e vítimas dos recortes do presuposto que ordenaron no seu tempo políticos como el. Nestes momentos, a consigna é adelgazar o Estado, por non dicir desmantelalo; Dick Perry, candidato republicano á presidencia americana, ten a ilusión, se chega a suceder a Obama, de desmantelar o pouco que teñen de Seguridade Social. Sen embargo, hai que andar con xeito. Salvo milagre ou intervención divina, cando un cae do cabalo pode ser imposible poñerse en pé e recuperarse do golpe. Se acabamos cos servizos públicos se cadra xa nunca os recuperaremos como son hoxe. Por iso sería mellor ir pola vía da reforma.

O sector público, como mastodonte que é, necesita dunha constante posta a punto, xa que é indudable que ten moitas eivas. É precisa unha boa xestión, máis aló do principio de que «funcionario non come a funcionario», que fai que o control do persoal sexa relaxado. Por enriba de todo hai que preservar os servizos públicos que son o principal sinal de identidade das sociedades do benestar europeas e a única taboa de salvación para unha inmensa maioría.

Comentarios