España no centro

"Por que outro libro sobre a España dos Séculos de Ouro? ¿Era estritamente necesario?". Poderían vostedes facer estas preguntas, sería lexítimo
Javier Nogueira
photo_camera Javier Nogueira

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI LITERATURA a esgalla sobre a España Imperial, dende biografías canónicas como as de Parker e Elliott ata novelas de vendas millonarias como as de Reverte. Porén un tema tan fecundo se pode agromar novas perspectivas e formas de relatar. É exactamente o que sucede con España, centro del mundo. 1519-1682 de Robert Goodwin, unha obra que obtivo magníficas críticas na esfera anglosaxona, ata o punto de estar nomeada por Kirkus Reviews como mellor libro de non ficción do 2015. Publica La Esfera de los Libros, sempre pendente de temas bélicos e de todo aquelo que teña que ver co nacionalismo español. Poden interpretar isto como algo negativo, mais dende o punto de vista do bibliófilo non o é en absoluto.

Robert Goodwin é un hispanista inglés, coma outros moitos, e aporta unha perspectiva nova ao estudo da época ao mesturar biografía e historia cun ton novelesco que dá axilidade ao relato. Os alicerces atópanse nas vidas dos españois máis senlleiros daqueles séculos: Carlos I e Garcilaso de la Vega, Felipe II e O Greco, Felipe III e Cervantes, Felipe IV e Velázquez, Olivares e Calderón. Ao tirar dese fío condutor e unilo aos tópicos da historia tradicional —a conquista de América, os problemas económicos da monarquía española, o eterno conflito de Flandres, o peche relixioso e ideolóxico, a decadencia cos Austrias Menores— constrúe un mosaico de grande interese.


ESPAÑA, CENTRO DEL MUNDO. 1519-1682. Por Robert Goodwin. Editorial: La Esfera de los Libros. Prezo: 25,90€


Dous compoñentes aumentan o interese da obra. En primeiro lugar está a procedencia do autor. Como inglés é quen de ponderar as glorias e miserias da época en España, algo con frecuencia imposíbel para os estudosos españois; pero ademais a súa nacionalidade permítelle enfocar a materia dende a inocencia. O resultado é unha narración que a penas recorre ao suposto coñecemento enciclopédico do lector, o que permite desterrar mitos que veñen axiña á mente cando se da por suposta certa información. 

O segundo compoñente é o talento narrativo de Goodwin. No seu libro hai moi poucas cifras e argumentacións e moita exposición e anécdota. É posíbel que os historiadores máis ortodoxos impugnasen moitas das súas afirmacións —sempre hai unha nota a pé de páxina que poñer— e dende logo un tribunal de tese quedaría alporizado ante a súa suposta falla de rigor. Pero os lectores agradecemos que salte de historia en historia, que siga a Garcilaso como cabaleiro máis que coma poeta, que explique os brazos articulados das figuras de madeira da antiga Semana Santa de Sevilla ou describa os argumentos do ‘Quixote’ ou a ‘Vella fritindo ovos’ de Velázquez. Pouco a pouco quedamos mergullados na historia e pasamos páxina axiña para atopar o seguinte conto.






Comentarios