Espalladores das letras

A Xunta recoñeceu coa súa participación nunhas xornadas na Coruña o esforzo no programa de voluntariado de lectura dos alumnos de quinto e sexto de primaria do Ceip Ramón Falcón
Os oito voluntarios lectores do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, cos seus diplomas acreditativos
photo_camera Os oito voluntarios lectores do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, cos seus diplomas acreditativos

Implicación e ilusión. Son as sensacións que se desprenden en só uns minutos de conversa cos oito alumnos de quinto e sexto de primaria do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, que participaron este curso no programa de Voluntariado de Lectura, impulsado pola Xunta de Galicia nos centros escolares.

A súa entrega e dedicación ao programa de Nerea, Maikel, Talía, Marta, Laura, Andrea, Adriana e Lucía foi recompensada pola Consellería de Educación xa que, aínda que non adoita repetir centro, este ano volveu escoller, por segunda vez consecutiva -tantas coma o centro leva participando no programa- o pequeno colexio de Castro de Rei como representante da provincia de Lugo para participar nunha estancia de catro días na Coruña.

Os escolares chairegos puideron visitar o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) ou as bibliotecas do centro Ágora e da Universidade Laboral, onde sabían manexarse sen problemas, ademais de participar en obradoiros de expresión oral e escrita con Charo Pita, de xogos tradicionais con Xandobela ou de baile con Pesdelán ou de teatro coa Tropa de Trapo, tal e como eles mesmo contan.

"Pasámolo moi ben", din, sen esquencer o máis importante de todo, tiveron que presentar ante o resto dos asistentes -alumnos doutros tres centros educativos galegos, un por provincia- o traballo desenvolvido ao longo do curso.

"Fixemos obradoiros de marcapáxinas, un xogo de contrasinais de poesía, contacontos, fumos un día lerlles aos usuarios da residencia de maiores San Xoán..." van enumerando os rapaces, que teñen moi claro para o que está esta experiencia: "Aprendimos a non ter vergoña, a expresarnos e a contar contos mellor".

Encántalles ser voluntarios, como o proba que ao longo de todo o curso foron eles os que xestionaron a biblioteca do colexio. "Organizaron turnos, e en todos os recreos algúns deles estiveron na biblioteca ou facendo actividades para os seus compaleiros", explica Beatriz González, coordinadora do proxecto xunto ao titor dos rapaces, César Río.

"Gústalles, non fai falta nin chamalos", engade Beatriz, que destaca sobre todo o exemplo que lle están a dar ao outros 75 alumnos do centro: "É un espello para o resto, os de cuarto xa están desexando chegar a quinto para participar".

Dos voluntarios, só Maikel e Nerea, de quinto, poderán repetir programa para o ano, e os dous teñen claro que pensan facelo. O resto rematan esta semana a etapa escolar, aínda que xa adiantan que o primeiro que farán ao chegar o IES da Terra Chá de Castro, onde todos eles estudarán, é interesarse pola biblioteca.

Comentarios