Escritura e pensamento

CADA VEZ se le menos; ata os lectores empedernidos recoñecen que xa lles está afectando o mal do século, a falta de tempo ou o exceso de actividades. Lonxe queda xa a época na que o lector sentaba unha tarde enteira, iluminado quizá por unha rudimentaria lámpada, para devorar unha novela que se estendía máis aló das mil páxinas. Hoxe é xa tarefa imposible; os propios autores recortaron a dimensión das súas obras, sabedores de que o tamaño asusta. O resultado é que pouco a pouco a capacidade de expresión é máis pobre e axústase aos estreitos límites dun teclado de teléfono no que se escribe cun só dedo; os outros nove descansan, como descansa tamén o cerebro, sometido á lei do mínimo esforzo.

A situación é tan grave que os empresarios británicos xa non se fixan tanto nas habilidades informáticas dos aspirantes a un posto de traballo como na súa capacidade para ler e escribir cun mínimo de corrección: moitos non o logran.

Por iso resulta reconfortante pensar que aínda quedan artesáns da escritura, novelistas ou poetas que traballan os seus textos a man. Hanif Kureishi di que coñece a rudos colegas literatos que se volven tenros ao falar dunha pluma estilográfica acabada de mercar ou recibida como agasallo.  Por suposto que despois case todos os escritores trasladan os traballos ao computador, os tempos mandan, pero aínda así, continúan cun longo proceso que pasa pola impresión en papel e as correccións manuais.

A escritura creativa é o resultado dun complicado ritual no que calquera pequeno factor inflúe. Hai autores que precisan traballar en completo silencio, outros prefiren escoitar música suave ou o murmurio da rúa. Mentres que algúns todo terreo son capaces de escribir tanto na habitación dun hotel como no asento dun tren, outros, pola contra, recoñecen estar atados ao seu estudo de toda a vida. A disposición da mesa de traballo, unha fiestra con vistas a un xardín, a claridade no horizonte, todo ten a súa importancia nun traballo que constitúe un verdadeiro sacerdocio.

É precisamente o cultivo da linguaxe o que permitiu aos seres humanos dar o salto desde o primate selvático ata o animal que pensa. Sen ningunha dúbida a tecnoloxía tenos levado ao cumio; disfrutamos do mellor momento que coñeceu a humanidade, grazas aos innumerables fitos no campo da ciencia e o coñecemento. Pero corremos o perigo de que este mesmo proceso acabe por afastarnos daquilo que nos fai persoas e acabemos, asfixiados entre cables e antenas, retrocedendo no proceso evolutivo da especie. Sen palabras.

Comentarios