Escritor Pintor

Nunha viaxe hai anos pola Habana atopou o acto de amor da moza Yalenis Velazco, que lle dedicou á súa obra un intenso ensaio. “Un libro que amo e gardarei para as herdanzas”, escribiu nun artigo tenro e cheo de vida.

A Xosé Vázquez Pintor correspóndelle unha linguaxe única, coa que fabricou A memoria do boi, un dos libros máis extraordinarios que sobre Pontevedra se teñen escrito nunca, tal que Castroforte del Baralla: pechando o círculo, a novela de Pintor mereceu o premio Torrente Ballester.

Fai deste antigo labor galego un oficio tradicional: o de traballar a palabra deixándoa secar ao sol e debuxando nela a pegada da vida. Os vellos oficios, o seu ensaio tan celebrado, é o intento de manter certa dignidade: a testemuña dos traballos cos que sobrevive tamén un idioma propio que se perde, e co que Pintor traballa case con furia.

De tantos homes e de tantos nomes que el foi, saíu lesbiana na súa Para dicir abril, coa que gañou o Vicente Risco. Lembro que chegaron exemplares para os seus amigos xunto á amizade das súas palabras nun correo coa aperta de buxo tan festexada por quen compartimos unha idea da vida: tardar moito en marchar, rir no amor e na amizade e gozar da calor da palabra, do minuto aquel do esplendor na herba. O demais, ben o sabemos, é silencio.

Comentarios