''Escribín dúas variantes do conxuro da queimada''

O druída Manuel Rubiños.
photo_camera O druída Manuel Rubiños.

O vilalbés Manuel Rubiños leva o seu medio século de vida vivindo e traballando na capital chairega, en bares, nun almacén de alimentación, noutro almacén e tenda de calzado...pero polo que é coñecido é polo seu papel de druída, guía e contador de historias do Parador de Vilalba, onde leva de empregado 28 anos.

Dentro desta época, leva a metade amenizando as comidas e ceas medievais e, tamén, algunhas actividades de asociacións vilalbesas ataviado de druída e facendo o conxuro da queimada, o cal acompaña normalmente cun monólogo de 45 minutos da súa autoría. «Moitas veces recito o conxuro de sempre, o que fixo un señor de Santiago nos anos 60, pero eu teño outros dous feitos por min, relacionados coas meigas», explica Rubiños, que recorda ademais que o seu primeiro conxuro o recitou «en Puebla de Sanabria e tivemos que ir polo augardente a Portugal».

Non só se viste de época para estes menesteres, senón que outras veces o fai para explicar a historia da torre do parador vilalbés, ven sexa aos hóspedes do establecemento ou aos escolares dos colexios locais que a visitan.

Para estes últimos, concretamente para os alumnos do Ceip Insua Bermúdez, está preparando un conto representativo da época medieval para representárllelo. O personaxe histórico protagonista é Nuño Freire Omao, «terceiro señor de Vilalba, que cobrou unhas rendas abusivas para axudar os infantes nas guerras de Aragón e nas súas terras subleváronse, dando lugar á considerada primeira revolución irmandiña, a Funquenlla», explica Rubiños mentras aclara que, aínda que hai datos verdadeiros, o resto «saiu das miñas ideas».

Considérase un apaixoado dos libros de historia e autodidacta á hora de coñecer todo o que rodea á Torre dos Andrade e a época medieval de Vilalba, que leu en libros de Mato Vizoso, Otero Cao e dos editados polo Iescha. Outra afección é escribir poesía. «Teño pensado publicar un libro con cento e pico poemas, pero de momento plásmoos en pirogravados en táboas e con debuxos», afirma.

Comentarios