Escravitude

NUN DOS debates televisivos da última campaña electoral, ao máis alto nível, ou sexa entre o candidato á presidencia do Partido Socialista e o do Partido Popular, este último referiuse á lei da memoria histórica como unha sinxela ociosidade prescindible. Porén, nós témola non somente como un positivo avance, senón como un síntoma da situación herdada en materia de lembranza histórica. É certo que resulta sintomático que sexa preciso un texto lexislativo ad hoc, pero así son as cousas e moitas veces un, aparte de ficar asombrado do xeral esquecimento, admírase do que se foi avanzando e acadando en determinadas materias, nun país como España. Non é, pois, de extrañar que ás veces as faragullas sexan tidas como prato do banquete de Baltasar. Vexamos.

O Código Civil é de 1889, o sufraxio universal masculino de 1890 e as mulleres non votaron até 1933, cando a República. E a abolición —formal—, da escravitude de 1880, porque a definitiva non chegou até a supresión do chamado patronato, seis anos despois. Os servos quedaban "bajo el patronato de sus poseedores", di o artigo segundo da Lei. O cómputo é doado: o farol vermello de Europa.

Ao fio disto, un recente artículo de M. Rodríguez Rivero constitue o detonante da entrega de hoxe. Referíase ao colonialismo español no norte de África, citando algunhas novelas clásicas como El blocao, de José Díaz Fernández (1928), Imán de Sender (1930), ou máis recentes como a biografia de Gustau Nerin sobre a estarrecente figura do tenente Ayala Larrazábal, o conquistador de Río Muni. E propio do colonialismo é a escravitude, excrecencia da humanidade cuxa abolición é relativamente recente, como xa dixemos, pero que durante moito tempo conviviu coa doutrina cristiana, coa conciencia crítica da intelixencia, e coa máis morna de moitos dos que fixeron fortuna na illa de Cuba e se converteron en filántropos. Un tratado sobre xurisprudencia civil, baseado nos fallos do Tribunal Supremo e publicado en 1869 por M. Ortiz de Zúñiga, dá conta dun caso máis que curioso ilustrativo sobre a materia: unha escrava negra merca ao seu dono a liberdade do fillo que agardaba, pero "la Providencia quiso que diera a luz dos gemelos" e subscitouse un preito co dono a respeito do segundo. A Sala de Indias do alto tribunal fallou a favor da escrava, declarando libres aos dous e anulando a primeira resolución que a perxudicaba. "Desearíamos —di o autor— que los tribunales españoles no se vieran en la dura necesidad de decidir litigios sobre la esclavitud"; pero ainda habian pasar anos para a sua definitiva desaparición.

O secuestro de todo tipo de barcos nas proximidades da costa de Somalia, pon de relevo a pervivencia de fenómenos propios de outro tempo, como é a pirateria, pero a situación do traballo infantil remite á escravitude. En pleno século XXI.

Comentarios