Escolma de variacións

NA ENTREGA anterior explicamos un caso concreto de censura textual, que polo que vexo alguén interpretou ao seu xeito, por mais que nós escrebemos aquelas liñas sen referencias precisas, deixando á libre interpretación dos lectores tanto a valoración como a aportación imaxinativa e mesmo fantasiosa, terreo no que nen podemos nen queremos entrar. Salvo que se trate de figuras públicas de certo relevo, procuramos esquivar as referencias persoais, pois que ainda que todos falamos marabillas da crítica libre, mesmo no ámbito docente, ou no literario, ou no cultural en xeral, a traslación prática é que a seguir comezan a proliferar os inimigos como cogumelos na primavera, con síntomas tan elocuentes como a negativa ao saúdo ou a produción de bilis, cando non de intrigas a pequena escala se non se acadan metas máis altas. Claro que non ten moita importancia, se o vemos do ponto de vista que expresa a sonada frase: «Qué me faría fulano que non me saúda?».

E por iso decidimos insistir no asunto cun novo relato en clave musical, quizais figurada ou non, segundo se queira. O principal non son os adobios, senón o cerne da historia, e esta é veraz. Nun lugar ideal, coexistiron durante noitos anos dous músicos notables, de mais nivel e proxección o segundo que o primeiro. Ambos morreron, cuns anos de diferenza e aos dous lles renderon homenaxe os seus veciños. Despois de moitas discusións sobre o xeito de artellar os honores post-morten, chegouse á mesma conclusión: a edición dun disco onde se incluira unha selección das mellores composicións de ambos, pero todas elas versionadas en forma de variacións sobre o tema orixinal. Ainda que a nómina de laureados compositores e executantes locais era loxicamente reducida, mesmo partindo dunha escolma xenerosa, había un atranco engadido, non para a xente en xeral, senón para os propios promotores: a censura, posto que comprialles evitar o encargo a un dos músicos locais máis próximo aos dous homenaxeados. Nengunha solución era boa para a elisión: nen enviar o aviso tarde para que non tivera tempo o censurado, nen a perda da carta solicitando a colaboración. De tal xeito que se optou pola ignorancia, sen disimulos nen reviravoltas, nen enfeites. Tomada a decisión animáronse e decidiron estirar a nómina de colaboradores ainda a risco de que o CD parecera un chicle. E velaí, desde un inspirado intérprete do birimbao, até o executante de pezas con paus de canaveira e palleta de papel de fumar, incluído o que enviou unha partitura escrita con tinta procedente da salsa de tomate, todos pasaron a engordar a nómina para o propio locimento, e para o demérito dos intervintes de calidade e, sobre todo, para as figuras que se pretendia honrar.

Mágoa que a pesar da seguridade de que se revolveron na sepultura, resulta imposible coñecer a sua opinión. Afortunadamente foron moitos os que a imaxinaron.

Comentarios