A escolla

SEMPRE ACONTECE QUE, desde o día seguinte á designación do autor que será obxecto da celebración das Letras Galegas o ano próximo, a figura do que se está a homenaxear vaise perdendo nas sombras. É como un fundido de imaxes en que un rostro substitúe outro sen que apenas nos decatemos. Non quixera eu contribuír a ese efecto con este artigo. Estamos aínda no ano de Novoneyra e cumpriría moito tempo máis para nos achegar a unha obra certamente singular e fonda. A súa palabra, única eternidade na que acreditou, ten que permanecer na memoria do pobo que a produciu. Ela é parte substancial do noso maior legado.

A escolla de Lois Pereiro provocou xa moitas manifestacións de distinto signo. Dunha banda os que a aplauden porque consideran que a súa obra conecta mellor coa sensibilidade da xente nova por se tratar dun autor dos nosos días morto prematuramente, coñecedor de idiomas e literaturas estranxeiras, cunha peripecia vital común a moita da mocidade de hoxe. Doutra banda, os que opinan que hai figuras inxustamente esquecidas ás que cumpriría recordar antes.

Eu non vou entrar na polémica. Estou contenta, ben contenta, coa designación de Lois Pereiro. Hai anos participei na homenaxe que se lle fixo na galería Sargadelos de Monforte, pouco despois do seu falecemento. Teño toda a súa obra editada e gusto moito dela. Aínda que só falei con el unha vez, para min é alguén achegado porque existe un vínculo de amizade, que vén de lonxe, da súa nai coa miña familia. Ela, coma nós, é do Incio. Malia non practicar o localismo (sempre me declaro ante todo galega), considero que é unha boa nova para os habitantes daquel concello.

Dito isto, teño que me sumar aos que reclaman unha honra semellante nun futuro próximo para don Ricardo Carvalho Calero. Alén de ser autor dunha obra narrativa, dramática e poética de gran mérito, a el se debe, ademais dunha Gramática Galega, unha Historia da Literatura Galega que, á altura de 1963, ano en que foi publicada, non tiña parangón no ámbito da literatura española, por non falar de centos de estudos e artigos sobre estas materias. Se a isto lle sumamos o mérito de ser o primeiro catedrático da nosa lingua na universidade, pregúntome que máis méritos precisaría para entrar na nómina dos homenaxeados. Seguramente uns cantos académicos combativos que loitasen pola causa.

Porque isto seméllase abondo ás canonizacións dos santos. Cando hai unha congregación relixiosa ou algo semellante detrás, a cousa vai con máis présa. ¿Por que xa está declarado santo Escrivá de Balaguer, o fundador do Opus Dei, e non o papa Xoán XXIII ou Monseñor Romero? A resposta é obvia.

Repito que non entro na polémica. Simplemente celebro o recoñecemento para Lois Pereiro e denuncio a débeda pendente con don Ricardo.

Comentarios