Escola vilalbesa de música e de amizade

Banda de música de Vilalba.
photo_camera Banda de música de Vilalba.

O xoves cumpriranse 20 anos da presentación oficial da banda de música de Vilalba, composta na actualidade por 56 músicos e dirixida por César Concheiro. A formación revivirá o día 23 ese recital, nun emotivo acto no que se fundirán pasado e presente.

vILALBA SEMPRE foi terra de bandas e de músicos nunha época na que estas formacións eran case a única opción para escoitar música en directo. Esta tradición perderíase na Guerra Civil e non se vería plenamente recuperada ata a creación dunha escola de música que desembocaría na constitución da asociación cultural banda de música de Vilalba. Diso xa fai 20 anos.

O número de rexistro 1.876 do Censo de Asociacións e Entidades Culturais de Galicia da fe da súa existencia, centrada en fomentar unha cultura musical na capital chairega, plasmada en diveras colaboracións con outras entidades vilalbesas ó longo de todos estes anos.

Os inicios da banda están ineludiblemente vencellados ó músico Pepe Guntín e tamén a José María García Leira, daquela alcalde de Vilalba, que sentaron as bases dunha agrupación que chegou ós días de hoxe convertida nun referente musical na comarca chairega e nunha escola para moitos instrumentistas afeccionados.

Nestas dúas décadas, a banda de música de Vilalba protagonizou intercambios con outras formacións e levou o nome da capital chairega a múltiples puntos de Galicia, así coma a un festival de bandas de Portugal hai varios anos ou, en repetidas ocasións, ás festas da localidade asturiana de Navia.

Discografía

A banda de música de Vilalba conta no seu haber con dous discos gravados. O primeiro deles, en formato casete, data de setembro do 1995 e inclúe seis temas. Na cara A figuran ‘El Abanico’ de Alfredo Javaloyes, ‘En un mercado persa’ de Albert W. Ketelbey e ‘Los Ríos’ (río Negro, Orinoco e Chubut) de A. Malando con arranxos de K.Vlak; e na B aparecen a ‘Alborada Gallega’ de Pascual Veiga, ‘Festival Suite’ de Waignein’ e ‘Coruña’ de Del Río. A dirección correría a cargo de José Rodríguez Ramos, co patrocinio de Caixa Ourense.

Co gallo do décimo aniversario editouse un segundo disco, neste caso baixo a batuta do actual director, César Concheiro. O CD gravouse en abril do ano 2000 e nel inclúense a ‘Second suite in F’ de Gustav Holst, ‘Algueirada Galega’ de Faustino del Río, ‘Corcubión’ de De Santiago, ‘Spirit of life’ de Jojan Nijs, ‘Le calife de Bagdag’ de Boleldieu, ‘Airiños Aires’ de Gustavo Freire e ‘Bellas Artes’ de Aurelio Nieto.

Estas pezas son só unha ínfima mostra do repertorio da banda vilalbesa, composto por preto dun milleiro de partituras con exemplos de practicamente todo tipo de música, aínda que sen ningún tema propio. Hai pasodobres, zarzuelas, bandas sonoras, temas galegos ou composicións específicas para banda, das que se fai unha escolma segundo o público ó que se oriente o concerto.

Nese longo listado tamén se incluiría o arranxo feito para banda do Himno do Rácing Club Vilalbés, con letra da poetisa local Carmiña Prieto Rouco interpretada pola Coral Polifónica de Vilalba.

Sen lucro

A asociación cultural banda de música de Vilalba, que conta cuns 40 socios a maiores dos músicos, que tamén están asociados á mesma, é unha entidade sen ánimo de lucro, de xeito que todo o que se recada a través de subvencións, patrocinios de varias empresas ou actuacións -unhas 20 de media cada ano, que supoñen o seu principal sustento- redunda en beneficio da propia banda.

Os músicos non cobran, pero tampouco pagan e, aínda que na maioría dos casos o instrumento lle pertence ó intérprete, a banda tamén ten varios en propiedade, especialmente dos máis caros, coma a percusión ou a tuba.

A asociación é a que asume os gastos das viaxes e tamén parte do custo da matrícula do conservatorio profesional de música de Vilalba, ademais de cederlle o traxe a todos os seus integrantes -un uniforme de americana e pantalón, saia nalgúns casos, azul mariño, con camisa branca e gravata azul-.

Dende a directiva da banda salientan a boa relación que hai entre todos os membros, malia as diferencias de idade ou de intereses de cada quen. Ese bo ‘rollo’ motivado pola paixón pola música está presente nos ensaios, fixados un día pola semana máis os sábados pola tarde. «O ensaio do sábado, de catro a sete da tarde, é sagrado, ata tal punto que os que levamos toda a vida na banda, se non temos ensaio, non sabemos qué facer», explican dende a directiva.

«Ademais de tocar, pasámolo ben», engaden, e mostra diso son outras actividades menos musicais das que tamén son partícipes, coma os torneos de fútbol entre maiores e menores de idade ou a singular celebración do Día do Sombreiro, un ensaio de tradición propia ó que cada intérprete debe acudir provisto dun sombreiro, canto máis orixinal mellor, posto que mesmo se reparten premios.

E por suposto, 20 anos de historia dan pé a mil e unha anécdotas. Hai quen esquece o traxe antes dun concerto ou viceversa, quen para pasar unha fin de semana fóra só leva o traxe da banda. Outros olvidan os zapatos, pérdense cadeira e, ás veces, ata se ten esquecido algún que outro instrumento «aínda que iso non é o habitual», aclaran rápido.

INTÉRPRETES
Uns 120 músicos en dúas décadas

A banda de música de Vilalba contou ó longo das súas dúas décadas de historia cuns 120 instrumentistas e tres directores. Na actualidade, a formación que dirixe César Concheiro está composta por 56 intérpretes que van dos dez ós 46 anos, entre os que ó redor de 40 son os máis habituais, mentres que os outros acoden esporadicamente, afastados de Vilalba por estudos ou traballo. Do pasado da banda forman parte outros 63 músicos, todos eles convidados ós actos conmemorativos do vixésimo aniversario.

Veteranos

Sete músicos levan na banda dende o comezo. Os veteranos son Ramón Guntín Mato, María del Carmen e José Ramón Saborido Roca, Matilde Cendán Castelo, José Ramón Lozano Cabarcos, María del Mar Portela Lozano e Mari Carmen Montenegro Rey.

Procedencia

A maioría dos membros son vilalbeses, aínda que tamén hai músicos de Cospeito, Betanzos, A Coruña ou Lugo.

1989 Escola de música

O xermolo da banda vilalbesa atópase na escola de música municipal, auspiciada polo Concello no ano 1987, sendo alcalde Xosé María García Leira. Impártense clases de linguaxe musical e o Concello merca os primeiros instrumentos, dos que aínda hoxe fai uso a banda.

A banda ten gravados dous discos e cada ano ofrece unha media de 20 concertos, cun repertorio adaptado ós asistentes.

1990 Primeira actuación

A primeira actuación da banda de música, que daquela tiña a consideración de municipal, produciuse na procesión do venres de Semana Santa do 1990. Os integrantes nin sequera tiñan traxes oficiais, polo que se deu a consigna de vestir pantalóns vaqueiros, chaqueta azul mariño e camisa branca.

1991 Presentación oficial

O 14 de abril do 1991 presentouse a banda nunha xornada que incluiu misa e viño español, ademais dun concerto no centro cultural e recreativo no que soaron o pasodobre ‘Camino de Rosas’, ‘Leyenda del Beso’, a ‘Serenata’ de Schubert, o ‘Coro de Esclavos’ do Nabuco de Verdi e a xota ‘Del bajo Aragón’.

2005 Primeiro Festival Pepe Guntín

O polifacético músico Pepe Guntín, finado no 1996, deixou no 92 a dirección da banda por motivos de saúde. Un ano máis tarde rendiuselle homenaxe cun concerto e dende o 2005 organízase o último sábado do San Ramón un festival de bandas na súa honra. Ademais, unha rúa leva o seu nome.

1993 Novo director

José Rodríguez Ramos, músico nado en Araño (Rianxo), sucedeu no 1993 á fronte da banda ó primeiro director, Xosé Guntín Currás. Este mestre trompetista dirixiu a formación vilalbesa durante dous anos, ata o 1995, e logo cedeulle o testemuño a César Concheiro Guerrico, o actual director.

Comentarios