A escola e a burbulla familiar

Varios centos de familias reclaman poder educar ós fillos na casa, lonxe da escola escoitamos estes días nas noticias. En realidade tódalas familias teñen a obriga irrenunciable de educalos. Así que poderíase titular máis acertadamente: Escola ou burbulla familiar.

Esa burbulla, inflada de calidade educativa, impediría xuntar nenos e nenas, ou acoller a xente doutras culturas e países, sentar nos mesmos pupitres a ricas e pobres, torpes, listos, discapacitadas. Cada aula é un pequeno microcosmos que reflicte a sociedade na que vivimos. Na que os rapaces van vivir.

Ensina a escola matemáticas e física, lingua e música, inglés, historia. E outras cousiñas demandadas socialmente e que moitas familias non dan resposta, como a educación para a saúde, a formación vial e sexual, a prevención das drogadiccións, o respecto ás minorías, a sensibilización ecolóxica, a lectura crítica das imaxes. Tantísimas cousas. Pero ademais nas aulas e a carón dos iguais, alumnas e alumnos aprenden a arte de vivir convivindo, estudian leccións cotiás de respecto e solidariedade. Conxugan a liberdade propia coa dos outros.

Dificilmente podería a burbulla familiar cun programa tan amplo. A familia, cando os pais traballan fóra, xamais poderá substituír ó mestre, ós compañeiros. O que si está a facer, e os casos son frecuentes, é sobreprotexer ós fillos: unha forma sibilina de maltrato.
Ademais a escola é garantía de igualdade. A súa razón de ser é que todos teñan acceso ós coñecementos e á socialización. Con seguridade a escola é táboa de salvación para os fillos das capas sociais máis desprotexidas que corren o risco de seren explotados polas redes mafiosas da economía mergullada. Para estes nenos a escola é unha oportunidade de escapar á ignorancia e ás explotacións da falta de cultura.

A escola non é a familia. A familia educa, a escola ensina e socializa. A escola é un dereito de todos para acceder ós coñecementos, e tamén para aprender o sentido de cidadanía. É un pequeno corazón democrático que cohesiona a sociedade e onde estoupan tódalas burbullas. Os fillos non son propiedade privada dos pais, son cidadáns con dereitos e deberes sociais.

Pero uns poucos centos de familias reclaman non só o monopolio da educación dos fillos, queren tamén dotalos de coñecementos socialmente necesarios apartándoos dos iguais. Uns poucos privilexiados poderían estudiar aparcados nas casas. Onde non chegaran os pais contrataríanse a outros profesionais. Separados nas súas casas... por que non separalos tamén por etnias? Colexios dunha relixión, pagados polo estado, poderían vetar a nenos doutras relixións? Fariamos guetos cos nenos xitanos? Ou escolas para discapacitados? Colexios femininos e colexios masculinos? Centros propios de cada secta?

A nosa é unha sociedade complexa e multiforme de homes, mulleres e vellos, nenas e rapaces. 

Negros, amarelos, brancos, xentes de aquí e inmigrantes de acolá van creando nun proceso acelerado unha riquísima urdidura social. É aquí onde vivimos, todas e todos, e non en burbullas familiares tan irreais como empobrecedoras.

Comentarios