''A escola do ferrado supuxo abrir unha fiestra ao mundo a través da néboa que cubría Cadavedo''

Dino Pacio Lindín, diante da escola libre de Cadavedo. (Foto: N. Rodríguez)
photo_camera Dino Pacio Lindín, diante da escola libre de Cadavedo. (Foto: N. Rodríguez)

Movido polos recordos da súa infancia en Xemil e agradecido pola experiencia educativa vivida en Cadavedo, este pastoricense afincado en Nova York desde hai catro décadas aproveitou a súa estadía na Pastoriza para rendir unha particular homenaxe ao seu primeiro mestre na escola do ferrado, Eladio Iglesias. 


Emocionado aínda cos múltiples recordos das experiencias vividas na primitiva escola do ferrado de Cadavedo durante o trienio 1944-1947, período durante o que o mestre Eladio Iglesias -que actualmente ten 88 anos e vive en Bos Aires- impartiu clase a decenas de pícaros e rapaces da comarca pastoricense e doutros lugares da contorna, o sociólogo pastoricense, natural de Xemil, e exprofesor da Universidade de Nova York, Dino Pacio Lindín, sostén que esta primeira experiencia educativa foi decisiva na súa vida, xa que «era unha escola libre que supuxo a apertura dunha fiestra ao mundo desde un Cadavedo aillado e cuberto de néboa».

Que lembra desta singular experiencia educativa?

Teño moitos recordos, pero destacaría como novidade que o propio mestre, a diferencia do que ocurría no resto das escolas estatais, nos deixou falar galego desde o primeiro día, a pesar de que era un mozo con raíces en Argomoso, pero que fora criado en León, desde onde voltara a Mondoñedo logo de que seu pai, que tamén era mestre, volvera fuxido ao seu pobo polas súas ideas republicanas.

Cando fala de escola libre atinxe só a esta posibilidade lingüística?

Non. Suliño o de libre porque era unha escola basicamente oral, xa que había poucos libros de texto, pero sobre todo, porque non estaba influenciada pola ditadura, nin a Igrexa. Era unha aprendizaxe libre, que obrigaba a facer traballar a imaxinación de cada quen.

Que materias estudaban?

Os contidos eran cuestións de interese xeral, pero destacaría a cartografía, a modo dunha viaxe imaxinaria polo mundo a través de mapas mudos e das vivencias do mestre e matemáticas. O mestre, quizais influenciado polas ideas republicanas, non ensinaba o catecismo, daquela non adoctrinaba, nin tampouco gramática.

Xurdiu entón en Cadavedo a súa vocación docente?

En Cadavedo tiven a primeira experiencia como axudante de profesor nas clases dos maiores e o propio mestre Eladio Iglesias, que nunca reñía nin castigaba, foi o responsable de que meus pais me deran a oportunidade de estudar.

Por que desapareceu a escola?

Coido que por varias razóns. O mestre quería irse fóra e nun momento colleu medo pola presencia de ladróns. Así, esta escola, auspiciada por Xosé de Ferreiro e Antón de Xan García, pechou o 10 de xuño de 1947.

Que diferencias aprecia entre aqueles nenos e os de agora?

A principal diferencia está na procedencia rural e na dificultade do acceso á información, por non falar de imposibilidade.

E coida que a evolución experimentada pola metodoloxía educativa é a máis acaída?

Entendo que o sistema é netamente mellorable e ata me atrevería a dicir que era mellor o sistema de ensino da escola libre de Cadavedo, na que todos ensinaban e aprendían, que o actual.

Sospeita entón que o modelo academicista xa está obsoleto?

Penso que así é, pois a academia non é máis que a constante fosilización da cultura antiga, cando a educación debe ser entendida como un proceso de transmitir e compartir información a través dun espazo en común. Neste novo escenario, os alumnos son os que acceden a máis información de xeito máis rápido, aínda que logo tamén é certo que cómpre criticar e organizar todos os datos.

Acaba de chegar de Nova York, pero coñece o movemento 15-M?

Si, incluso estiven nunha concentración de apoio en Nova York.

E coincide coas súas demandas?

Coincido en que se o 45% dos rapaces non teñen traballo, o normal é que demanden máis emprego, pero non sei que reivindican.

Comentarios