Escola de picapedreiros

Unha decena de persoas, tanto nenos como adultos, acoden cada semana á Casa das Artes de Pardiñas para asistir ao obradoiro de cantería que imparte Ramón Villar
Clases de cantería na Casa das Artes de Pardiñas
photo_camera Clases de cantería na Casa das Artes de Pardiñas

O son do ferro a bater na pedra recibe ao visitante en canto se achega á Casa das Artes de Pardiñas. No seu interior, unha decena de aplicados alumnos apenas levantan a cabeza do seu quefacer, concentrados en converter un cachote de granito das canteiras de Parga nun animal, nun peregrino ou nunha serea. Dunha mesa a outra, o canteiro guitiricense Ramón Villar vai dando instrucións e resolvendo dúbidas, aconsellando sempre facer «o que che dea a pedra, hai que quitarlle pouco». Detense un momento e indica, feliz: «Ben os ves, non paran».

«Vese que teñen ansia», engade e explica que aínda que o obradoiro ía durar unha hora, acabaron por ser tres, os sábados de 10.30 a 13.30, «e non se queren marchar», di, orgulloso da implicación dos seus aprendices, entre os que hai nenos e adultos, veciños de Guitiriz e tamén doutros municipios coma Oroso, Lugo ou Friol.

«O sábado pasado estaba ocupado e non puiden vir, cambiamos ao domingo e viñeron igual», engade, por se quedaba algunha dúbida de que o taller de cantería que promoven conxuntamente o Concello de Guitiriz, a asociación de Pardiñas e os comuneiros de Parga está a ser todo un éxito.

As clases son gratuítas e, aínda que xa comezaron a finais de xaneiro, o que queira apuntarse, pode. Só hai que ter interese, di Ramón, disposto a prolongar esta iniciativa ata que se celebre a Feira de Cantería, Callos e Artesanía de Parga, onde espera que os seus aplicados alumnos teñan un papel estelar.

Maneiras non lles faltan, como é o caso dun «contento» Abel Pena, quen xa rematou un relevo dunha gaita e agora está a traballar nunha escultura dun home tocando a pandeireta, co principal reto de facerlle a cara, que é «o que me parece máis difícil». E se este raparigo quixo plasmar na pedra a súa paixón pola música, Sabela Trinidad optou por estrearse cunha serea. «Mi madre me preguntó si quería venir y yo le dije que sí, porque me gusta mucho hacer figuras», di.

E non só os nenos teñen cabida nas clases. O debuxante Xavier Varela quería aprender a traballar en máis dimensións que as do papel e ver «que tal se me daba a pedra». Está a tallar un peregrino, e antes xa lle deu forma á cabeza dun cabalo, a mesma que tenta agora reproducir José Manuel Lata, de Oroso. «Quería facer unha escultura para a casa, coñecín a Ramón e aquí estou», resume, agradecido de que se leven a cabo iniciativas deste tipo.

As clases, gratuítas, son os sábados, teñen unha duración de tres horas e as persoas interesadas aínda se poden apuntar

Comentarios