Erros que custan vidas

Visitei unha exposición do exército portugués sobre os anos de combate nas antigas colonias africanas. As fotos transmiten a idea de que Portugal foi unha nai protectora dos pobos sometidos. Vemos modernas escolas, hospitais e oficinas do goberno en territorios como Guinea, Angola ou Mozambique. Estes logros son indubidables, e é especialmente rechamante o feito de que logo da independencia gran parte desas infraestruturas caeron no abandono e mesmo teñen sido recuperadas polas selvas. Con todo, isto non é unha xustificación para unha ocupación tan sanguenta. Unha placa recorda aos centenares de soldados portugueses que perderon a vida; moitos nin sequera entraron en combate, senón que faleceron vítimas de enfermidades tropicais e accidentes; por suposto, cada un deles puido ter aniquilado a unha infinidade de nativos, aínda que para estes non hai nengún tipo de lembranza. Axiña pensei no terror que tería un pobre rapaz recrutado en calquera aldea de Tras os Montes ou do Alentexo ao chegar a un lugar tan descoñecido e hostil como era a África colonial. Por ese motivo, algúns mozos máis inquedos fuxiron ao estranxeiro para librarse de ir ao combate e servir no exército dous ou tres anos. Como teño un amigo que tomou precisamente esta decisión, preguntei a este antigo militar da época colonial, a quen acababa de coñecer, a súa opinión sobre os desertores. Confesoume que el mesmo tivo familiares nesa situación e que, co paso do tempo, pensa que eles tomaron a mellor decisión. Porque el, que agora relé xunto á súa muller a abundante correspondencia daqueles anos en que estaba destinado en África, non acaba de atopar sentido a aquela barbarie. Isto ensínanos que hai que avanzar na cultura da paz que debería caracterizar a era moderna pero que, unha e outra vez, algúns iluminados botan a perder. Hitler toleou querendo conquistar Polonia e Austria. A Franco e Pinochet antollóuselles facer limpeza de comunistas. Bush toleou polo petróleo de Iraq. En todos estes casos o resultado é que millóns de inocentes perderon a vida. Igual que sucedeu a semana pasada en Noruega. Outro fanático que se declarou salvador da patria e non tivo mellor forma de expresarse que matando a decenas de mozos. O preocupante sería que entre nós, talvez entre algún dos lectores deste artigo, houbera alguén disposto a matar inocentes cidadáns en nome de unha ideoloxía, sexa anticapitalismo, nacionalismo, antifascismo, fundamentalismo relioxioso, ou calquera outra causa incompatible co dereito á vida que todos temos. Aínda que despois se arrepentiran (caso do militar portugués que tan sincero se manifestou) os mortos xa non voltan á vida.

Comentarios