jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Errores afortunados

NALGUNHAS ocasións, un comete erros que rematan por ser afortunados. A palabriña, que xa apareceu por aquí nalgunhas ocasións, é serendipia. Alexander Fleming deixou un moho esquecido por aí e cando volveu aos poucos días, tiña diante a penicilina. Becquerel pensaba que a radiactividade do uranio estaba producida por unha reacción á luz do sol. Meteu unha placa nun caixón e esqueceuse dela. Cando a volveu sacar, as marcas non deixaban lugar a dúbidas.

O meu erro foi bastante menos trascendente. Considero que a miña virtude principal, senón a única, é a curiosidade. Todo me chama a atención e en todo pretendo entrar en profundidade. Mesmo na miña experiencia docente, non teño claro se desfrutaba máis de ensinar aos rapaces ou de aprender cousas novas ao preparar as aulas. Así pois, cando pasei por diante da libraría e vin que había no escaparate unha obra que respondía ao simple título de ‘Curiosidad. Por qué todo nos interesa’ (Philip Ball, editorial Turner), boteime a ela sen mirar sequera o índice. Non podía fallar... E fallei. O libro non trata para nada da curiosidade, senón que é unha historia da revolución científica levada a cabo con epicentro en Italia e Inglaterra dacabalo entre os séculos XVI e XVII. O título e máis a sinopse da contra falan dunha característica que unía aos protagonistas da obra da mesma maneira que me pode unir a min, por exemplo, con Grigori Perelman, por exemplo.

Cometido o erro, había que solventalo. Ou sexa, leer a Philip Ball e encontrarlle o aquel á obra. A lectura non foi en balde para min e non o será de seguro para calquera que a afronte agora que xa sabe que non vai atopar un divertido anecdotario científico ou unha explicación sesuda de porque hai persoas ás que nos gustan o fútbol americano, a física cuántica, a xeopolítica e a cociña xaponesa.

'Curiosidad. Por qué todo nos interesa', de Phillip Ball Os que somos materialistas e, se me permiten a comparación, crentes na relixión científica con Einstein e Newton sentados á dereita e á esquerda do pai, tendemos a ser moi pesados e proselitistas. Ball ofrece argumentos para relativizar a ortodoxia científica. Para comezar, facendo fincapé na diversidade das investigacións de persoeiros coma Robert Boyle e Isaac Newton, que á par de levar a cabo descubrimentos sobre o baleiro e a gravidade, respectivamente, estaban dedicados ao noble arte da alquimia. Avanzada a lectura atopamos unha serie de conclusións sobre as que convén reflexionar, por iconoclastas: o método científico non se inventou dun día para outro despois de Copérnico, os experimentos non son árbitros da verdade (a falibilidade humana é un tema complexo), os feitos están moldeados pola sociedade na que son detectados (nada mellor que xulgar isto a través das explicacións sobre os eclipses) e os experimentos decisivos non só son pouco habituales senón que ademais son adoito difíciles de reproducir.

Así que máis que sobre a curiosidade, acabei atopando un libro que vai sobre a desmitificación do progreso e a ciencia, incluíndo por exemplo un recomendábel capítulo sobre o nunca de todo aclarado proceso a Galileo Galilei. Prefiro a visión estilizada e mitificada de Bertolt Brecht, pero hei recoñecer que os feitos tal e coma os presenta Ball son coherentes e amosan a un Galileo torpe ao que se le ocorreu publicar unha idea perigosa xusto cando viña de perder ao seu principal valedor no Vaticano.

Por suposto, tamén hai tempo para as historias de comadres. As primeiras academias de tipos curiosos, as malas relacións entre Boyle e Hooke, a historia do chanceler Francis Bacon, as obras de teatro nas que se parodiaba ao xa citado Hooke por levar a cabo unhas tarefas totalmente inútiles, as primeiras obras literarias de ciencia ficción, os problemas de subsistencia da Royal Society ou o anecdótico feito -descoñecido para a meirande parte dos mortais que eu coñezo e que non se ensina na escola ata onde eu sei- de que o microscopio e os protozoos non fosen descubertos por un dos grandes nomes clásicos da ciencia senón por un comerciante de pano neerlandés, Anton van Leeuwenhoek. Xa ven: un só home holandés ao que en xeral nin coñecemos aportou máis á ciencia universal que toda España. Así nos vai.

E así, capítulo a capítulo, imos repasando da man de Ball os diferentes campos nos que, a saltos e non sempre collendo os camiños máis sinxelos, se produciu a revolución do pensamento científico ou filocientífico nesa época: a astronomía, a bioloxía, a óptica, a matemática ou a filosofía natural. A obra resulta ser moi entretida, nada dispersa e mesmo as erratas teñen unha extravagancia incríbel (recomendación especial: erro tipográfico da páxina 210). En ocasións un comete erros afortunados, levado pola precipitación literaria e acompañado pola sorte e a verdadeira curiosade, que transforma eses fallos en goces intelectuais. De todos modos, para as vindeiras Gotas, xa conseguín un libro cuxo título e temática non me leven a engano.

E así, capítulo a capítulo, imos repasando da man de Ball os diferentes campos nos que se produciu a revolución do pensamento científico ou filocientífico

Curiosidad. Por qué todo nos interesa

Philip Ball. Editorial Turner. 592 páxinas.

Errores afortunados
Comentarios