Ernesto Chao: ''Non quero reducir a miña vida a Miro Pereira''

Ernesto Chao
photo_camera Ernesto Chao

O actor Ernesto Chao é un clásico da escena teatral de Galicia, na que leva 35 anos. Durante unha década foi coñecido por encarnar a Miro Pereira á fronte do bar de Pratos combinados. Este xoves 27 será un vello que se enfrenta aos seus últimos anos de vida con resignación e sarcasmo na obra As últimas lúas, un texto do italiano Furio Bordon, que Chao representa á fronte da compañía Lagarta, Lagarta, acompañado por Rosa Álvarez e Artur Trillo, e dirixido por Xulio Lago.

—As últimas lúas vai enchendo alí onde vai; ten boas críticas, mesmo de articulistas nas que escasean... podería explicarmo?
—Temos a pequena honra de que logramos sesenta funcións en Galicia en dez meses e iso é todo un récord. Hai xente que se despraza mesmo para vela por segunda vez, estamos tendo boas críticas... Supoño que o secreto está en que os espectadores non quedan indiferentes, en que se emocionan. Eu, persoalmente, podo dicir que é un espectáculo no que mostro o que aprendín en 35 anos de profesión. Supoño que é pouco habitual que cadren un gran texto e unha gran dirección, porque o traballo de Xulio Lago é excepcional, e uns actores notables.

—De que fala As últimas lúas?
—O meu personaxe é unha persoa de idade que aparece no día en que ten que marchar da casa de toda a vida para ir a unha residencia de anciáns. A peza fala do pouco valor que lles damos aos vellos, de como esas persoas se senten coma un estorbo para todo o mundo. Trata dunha home de idade con plenas facultades mentais que, por condicionantes da sociedade, se decata de que non hai sitio para el na casa, e decide quitarse de en medio para ir a unha residencia. Non é un dramón, senón unha mestura de drama e comedida moi intelixente por parte do autor. É unha reflexión sobre a vellez moi interesante, porque todos temos na casa algún vello ou vivimos iso en carne propia.

—Por que escolleron este texto?
—Pensamos en que Galicia podería ser unha boa receptora desta obra por ser o sitio con máis vellos de España e en que podíamos tocar fibra.

—Lagarta, Lagarta montara varias comedias con boa resposta do público e agora cambiou de rexistro. Non foi un reto?
—Foi. Tíñamos medo ao cambio de rexistro porque a xente non esta para que lle conten penas, pero demos no clavo. Foi o noso espectáculo con máis éxito, tanto en número de funciones como de espectadores. De feito, estaba previsto que a función de Lugo fose a derradeira, pero houbo peticións para o 2008 e imos prolongar a representación desta obra seis meses máis. Á xente dálle igual que fagas comedia ou traxedia, o que fan falta son bos textos e dar con temas que lle interesen á xente. O éxito depende da calidade e do tema.

—O seu personaxe está marcado pola resignación fronte ao seu destino e, asemade, pola retranca. Non dramatiza, senón que se burla da súa situación.
—É un personaxe completo, cunha retranca moi nosa; é incrible que o texto sexa dun italiano. Axudou moito o traballo de Xulio Lago para adaptalo. El sabe que é un dos mellores traballos da súa vida, foi moi duro de ensaiar porque sabiamos que tiñamos unha gran cousa entre mans.

—Como se contén para que a obra non se lles escape ao drama?
—Era un medo que tiñamos, pero ensaiamos as esceas unha e outra vez ata dar co punto. Nas primeiras funcións puidemos cometer fallos nese aspectos, pero agora vai como ten que ir.

—¿Que lle queda a este personaxe de Miro Pereira?
—Hai ano e pico que non fago de Miro, pero non ten nada que ver con el. Hai moita xente que non me recoñece nesta obra porque levo moita maquillaxe, tardo dúas horas en aparentar que teño oitenta anos.

—Pero será consciente de que hai moita xente que vai ir velo por Miro Pereira.
—Se van por Miro, esquecen enseguida porque esta obra prende no espectador.

—Non vai ser novamente Miro.
—Nunca digas nunca jamás! Pero, non vou volver facelo. Estivo ben mentres durou e deume satisfaccións económicas e de popularidade. Non quero reducir a miña vida a Miro Pereira.

—¿E que lle queda a vostede dese personaxe?
—Miro e mais eu non nos parecemos en nada, afortunadamente para min.

—¿Cal vai ser a vindeira proposta escénica de Lagarta, Lagarta?
—Estamos coa preproducion de Aeroplanos, un texto grande na liña de As últimas lúas, pero en clave de comedia. A obra, de Carlos Gorostiza, fala da amizade entre dous homes. Seremos o mellor actor da escea galega, José Manuel Oliveira, Pico, e mais eu.

—Vexo que vai seguir cun teatro que fala de persoas...
—Si, o que me interesa é facer grandes textos. A partir de agora, non vou facer nada que non me apeteza.

—Déame unha solución para o teatro galego.
—Eu penso que se fan cousas interesantes. O único que pido é que se nos trate igual ca ás compañías que veñen de xira, que se faga publicidade de que imos estar nun sitio; xa decidirán os cidadáns se queren ir ao teatro ou non.

Comentarios