Era muller

Coñecina en 2007 ou 2008. Miúda, de cabelo curto e cano, alegre, non percibín nela o máis mínimo rastro de vaidade.

Pedírame o que foi compañeiro no IES ‘Poeta Díaz Castro ’ de Guitiriz, Víctor Pollán, que acudise ao centro para lle entregar un exemplar dedicado do meu ‘Sextinario: Trinta e seis + tres ’, por responder o esquema métrico dos poemas do libro a unha permutación matemática e considerar que sería un agasallo acaído para ela.

Acudín, como non podía ser doutro xeito, ao que fora o meu lugar de traballo até había pouco tempo, mais descoñecendo quen era a ilustre visitante, socia de honra da Agapema (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática) da que Pollán é membro activo.

Ao escoitar o seu nome, María Wonenburger, caín na mesma trampa que moitas e moitos dos seus e meus compatriotas e considerei que se trataba dunha profesora estranxeira que talvez elixira para a súa xubilación Galiza. Pronto se me aclarou que nacera en Montrove (Oleiros), malia ter un devanceiro alsaciano, concretamente tataravó do pai, e unha avoa valenciana. Ela mesma me resumiu a súa vida e concluíu confesándome, non sei se hiperbolicamente, que vivía nun caserón en ruínas que non podería restaurar.

Despois souben que era considerada a nai da teoría Kac-Moody, unha teoría alxebraica de grande rendemento no campo das matemáticas e física actuais. Ela foi a directora da tese do seu formulador, Robert V. Moody.

Por que a devandita tese non se chama, por exemplo, Wonenburger-Moody? Dito doutro xeito, por que María non puido seguir a incubar un proxecto do que era parte principal? Porque era muller. E non, non me refiro agora a ningunha discriminación académica motivada pola súa condición feminina, senón a unha decisión que moi poucos homes tomarían.

María Wonenburger, a primeira persoa deste país que fixo o doutoramento nos Estados Unidos, en Yale, cunha beca Fullbright, e foi profesora en diversas universidades (Toronto, Buffalo, Bloomington -Indiana-), deixouno todo en 1983, con 56 anos, se cadra un premio Nobel, para regresar á Coruña a se facer cargo do coidado dunha nai anciá.

Confesaba non ser nada práctica por ter unha mente abstracta e estar todo o día gozosamente ensimesmada entre os números. Gozosamente porque, malia os atrancos que atopou aquí, onde non puido exercer a docencia universitaria porque mesmo tería que repetir a súa tese ao non lle recoñecer a feita no estranxeiro, foi unha muller optimista e seguramente feliz.

Foise o día 14 deste mes e moitos galegos e galegas escoitaron por vez primeira o seu nome. Agora ándano a aprender as estrelas, as que mellor entenden a súa álxebra.

Comentarios