Epicentro das boas celebracións

A intensa actividade que acostuma haber no barrio do Adro, en Lanzós, mestúrase coa tranquilidade propia da aldea. Xuntas crean un ambiente envexable que mellora cando os veciños festexan algúns dos seus múltiples e concorridos eventos

Case tódalas parroquias contan cun lugar que, por uns motivos ou por outros, se acaba convertendo no lugar de encontro dos veciños. No caso de Lanzós, ese sitio é o Adro.

Dentro dos seus límites encádranse edificios tan emblemáticos como a igrexa, a Escola Habanera ou o vello sindicato -tamén chamado edificio da Cooperativa do Campo de Lanzós-. Neste último, outrora albergou unha taberna e "servía para que os que formaban parte da asociación agraria se reunisen", tal e como di Pilar Tenreiro, presidenta da asociación veciñal Asvela. Hoxe en día acolle a exposición resultante do curso de pintura que promove a agrupación e que coincide coa comida de socios que se fai anualmente.

Ademais, os negocios sucédense por todo o barrio, como a Parrillada O Adro que vén servindo "unhas 40 ou 50 comidas en cada servizo", afirma Álex Ramudo. Este mozo participou dende os inicios na organización da Festa da Xuventude, igual que Adrián Lozano e outros tres compoñentes. Adrián encárgase da crianza de capóns de Vilalba, igual que facían noutros tempos moitos dos veciños de Lanzós. Carpintería Ramudo e Distribuciones Tino acaban de conformar o puzzle de empresas con pasado e moito futuro que se encadran neste acolledor lugar.

Comentarios