Envellecen as normasde cortesía?

UN AMIGO envioume vía internet un chiste que se cadra xa coñecen. Xunto á imaxe dun móbil de última xeración, lese a pregunta: «En la cena de Nochevieja, ¿el iPhone va a la derecha o a la izquierda del plato?». Chiste será, mais a pregunta é bastante máis pertinente do que cabería pensar. Non hai dúbida de que unha boa parte dos comensais, nomeadamente os máis novos, pero non en exclusiva, non ocuparán menos tempo en consultar o ‘WhatsApp’ que en conversar e lle mirar aos ollos ás persoas que os rodean.

É obvio que os manuais de boas maneiras tradicionais non recollen tal asunto pola sinxela razón de que estes aparellos son de hoxe. Porén, o sentido común non nos levaría á pregunta do chiste, senón a desconectalos, cando menos, mentres dura a cea.

Hai unha serie de normas que caen de caixón, son as relacionadas coa hixiene, as que nos coutan de facer cousas que poidan producir noxo nos que nos rodean. A estas habería que lles sumar as que dita a consideración que lles debemos ás persoas de máis idade ou respecto e ás máis desvalidas, así como aos nosos convidados. Fóra diso, todo o demais son convencións. Aínda así, esas normas arbitrarias, non deixan de ser un construto histórico e marca, moitas veces, de orixe social. Por iso me parece progresista e democrático que as boas maneiras non pertenzan en exclusiva a determinadas clases.

Sospeito que moitas normas que hoxe nos parecen absurdas tiveron no seu comezo unha explicación. Por exemplo a de que o ovo non se come con coitelo. Os de cando eu era nena tiñan a folla de ferro e púñanse denegridos ao contacto coa xema. A etiqueta segue a esixilo, mais cada vez somos menos as que só usamos o garfo para cortar a tortilla.

Non hai moitos días, asistín ao funeral do pai dunha amiga pola zona de Vilalba. Entrei na igrexa e sentei agardando a chegada do cadáver. Unha muller, coido que maior ca min, que sentaba no banco de atrás, rompeu o silencio do templo a sentenciar en voz alta: «En la iglesia no se entra con sombrero». Como eu o levaba, dinme por aludida, e alí me vin explicándolle que esa norma só alcanzaba aos homes, que, noutrora, para as mulleres mesmo era obrigatorio entrar coa cabeza cuberta, «toucada», dicían. A señora calou e outra apostiloulle: «Sabe máis de protocolo ca ti».

Non, eu sei pouco destas cousas e, sobre todo, pregúntome cales das que sei están vixentes. Porque, cando vexo a homes aos que se lles supón unha boa educación con viseira ou chapeu en sitios cerrados, non podo evitar o recordo doutros que, aínda tendo a cabeza como unha bola de billar, se descubrían. En todo caso, isto non é o máis grave.

Comentarios