Entre Lusco e Fusco cumpre 25 anos

A asociación xuvenil e cultural Entre Lusco e Fusco, que impulsou o primeiro grupo de baile tradicional en Vilalba e que na actualidade suma máis dun cento de socios de todas as idades, conmemorou as súas vodas de prata cun festival no que a música foi a gran protagonista.

Camiño xa dos 26 anos, a asociación vilalbesa Entre Lusco e Fusco vén de conmemorar o seu cuarto de século de existencia cun festival coa música tradicional como gran protagonista.

A entidade nacía oficialmente o 2 de novembro do ano 1990, vencellada á Casa da Xuventude. «Había clases de baile e música tradicional e a partir de aí naceu a asociación», lembra Ramón Río, un dos fundadores e membro da primeira directiva, integrada por cinco mozos e mozas vilalbeses.

Entre Lusco e Fusco, un nome elixido por votación popular entre varias propostas, daba os seus primeiros pasos con máis dun cento de socios e alumnos que ían dos tres aos 30 anos, converténdose no primeiro grupo de baile tradicional da capital chairega.

O espírito daqueles primeiros anos mantívose inalterable ata a actualidade, xa que o que foi, é o que é. Un grupo de baile e música tradicional no que ten cabida todo o que queira apostar polos ritmos da terra.

Actuacións ‘na casa’, na provincia e en Galicia sucedéronse naqueles anos, nos que tamén houbo saídas a Barcelona ou Portugal. E para o recordo queda o ano no que foi a asociación a encargada de organizar as festas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba, tal e como conta Ramón Río: «Fixémolas en 1993, polo Xacobeo, e aquel ano fora a primeira vez que se fixera a festa infantil», todo un clásico que se seguiu organizando dende entón.

Non é a única presenza que o grupo ten nas festas, ademais de procesións ou pasarrúas, sempre hai unha dama de Entre Lusco e Fusco no San Ramón, nos primeiros anos en representación da Casa da Xuventude e agora xa no nome do grupo.

Nestes 25 anos leva pasado moita xente por un grupo que tamén tivo, e superou, momentos de crise. Logo duns primeiros anos de grandes éxitos, o número de alumnos comenzou a decaer ata quedar pouco máis dunha ducia de persoas. Entre os superviventes, e en gran parte responsables de que a entidade volva a vivir un momento doce, atópase boa parte da actual directiva.

Alba Pernas López e os irmáns Lucía e Andrés Díaz Vilariño son, xunto co presidente, Diego Prieto Ginzo, os promotores da celebración do vixésimoquinto aniversario, nunha conmemoración para a que contaron coa axuda da anterior directiva.

«Somos un equipo, a anterior directiva está moi implicada no funcionamento, esa é a clave», precisan, dando conta da boa saúde da que goza Entre Lusco e Fusco, novamente con máis dun cento de socios, que acoden a un mínimo de dúas das clases ofertadas.

Pero para chegar a este punto foron necesarias grandes doses «compromiso e esforzo». «Conseguiuse remontar traballando moito e con moitísima implicación», lembran, insistindo en que a clave do éxito, fomentada nunha década de traballo, é que conforman «un grupo moi unido».

ACTIVIDADES. Entre Lusco e Fusco oferta clases de baile, canto e pandeireta, gaita e percusión e ademais este ano púxose en marcha un grupo específico de cantos de taberna, dado o auxe que están a ter este tipo de iniciativas.

«Aos menores de idade organizámolos por franxas de idade, repártense en catro grupos de baile e pandeireta», explican dende a directiva, aclarando que ademais hai un grupo de gaita e percusión, aínda que os alumnos empezan máis tarde ca no baile, onde xa se matriculan con tres anos.

No tocante aos maiores, hai clases de iniciación e perfeccionamento tanto en baile como en canto e pandeireta ou en gaita e percusión, sen límites de idade.

A entidade oferta clases de baile, canto, pandeireta e percusión e este ano creou un grupo específico de cantos de taberna

Xabier Iglesias, en baile, e os irmáns Tito e Miguel López Corral, en gaita e percusión, levan anos formando parte dun equipo de mestres ao que este ano se incorporou David Vázquez, para impartir pandeireta, baile e canto. Ademais, Cristina Camba, Alba Pernas e Andrés Díaz, todos eles membros do grupo, tamén imparten clases de pandeireta e canto, baile e gaita, respectivamente.

Os ensaios mantéñense dende os inicios nun local da Casa de Xuventude, onde está a sede do grupo, aínda que tamén se fan no autidorio Carmen Estévez. Aínda que normalmente cada grupo traballa por separado, tamén se fan ensaios conxuntos, para fomentar a unión de todo o grupo

Ao calendario de actuacións -a maioría na zona, pero tamén por todo Lugo, a través do programa da área de cultura da Deputación, ou noutros puntos de Galicia, sobre todo a través de intercambios con outros grupos- únense eventos propios, coma a festa do Nadal ou a comida de fin de curso no río, que farán este sábado, unha vez rematadas as clases e inaugurado o calendario de festas estival.

Comentarios