Entre cidadán e militante

NON entendo as repercusións da presenza de Paco Vázquez nun acto de Ciutadans. Un político retirado pode ir a calquera lugar onde se entreteña aínda que sexa unha celebración dun partido e el teña carné de outro. Eu coñezo a uns cantos xubilados que cada tarde buscan acomodo en locais calefactados da cidade independentemente de quen organice os eventos. Pois Paco Vázquez non ten por que ser unha excepción. Máis incongruente sería que estando en activo asinase un acordo de gobernabilidade cos nacionalistas a pesar de arremeter contra eles en público; ou que en múltiples ocasións non se recatara en amosar unha liña antagónica á marcada pola formación da que era militante; ou non votase nas eleccións autonómicas polo seu partido por levar como cabeza de lista un candidato co que estaba desgustado a pesar de que antes o apoiara para secretario xeral. Iso sería incoherencia, isto non.

Comentarios