martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Enrique Baixeras:''O réxime franquista censurou a película 'O documento' por estar rodada en galego''

Henrique Baixeras.
Henrique Baixeras.

Este pioneiro da industria cinematográfica reside actualmente en Nois, a pesar de ser nado en Ribadeo. Viviu os inicios do cinema en galego, cando a censura e os escasos medios facían moi difícil desenvolver este traballo. A peculiaridade do seu traballo basease en que todas as súas cintas foron gravadas na comarca


O cINEASTA Henrique Baixeras pechou onte as xornadas de historia de Foz cunha charla sobre as orixes do cinema galego e tamén proxectou a película ‘O Cadaleito’ dirixida por el e que foi gravada en Nois, parroquia focense na que agor reside. Con esta intervención, Baixeras sumouse a varios investigadores e historiadores do municipio que axudaron a mostrar certos aspectos do pasado cultural local durante catro días.

Cal foi o tema sobre o que versou a conferencia que impartiu nas xornadas de historia de Foz?

Eu pouco falei, máis ben consistiu na proxección da película ‘O Cadaleito’ que foi rodada na parroquia de Nois. O que fixen foi introducir un pouco o tema cun par de anécdotas sobre a rodaxe desta curta.

‘O Cadaleito’ foi rodada en Nois, foi o único lugar da comarca no que se desenvolveron as súas escenas?

Non, tamén hai algunhas escenas que foron en Fontao e en O Valadouro.

Rodou máis películas nesta zona?

Si, todas as miñas cintas están gravadas na Mariña. Eu son de Ribadeo e meu pai era de Nois, polo que a miña vinculación coa zona é de sempre.

Como se iniciou no mundo do cinema?

Foi no ano 1968, cando coñecín a Díaz Noriega, un home que facía cine amateur na cidade da Coruña e empecei con el. Logo estiven rodando con película de oito milímetros e sen tardar comecei a facer cine en lingua galega.

Aqueles principios do cine en galego non deberon ser nada fáciles.

A verdade é que non o foron, non había ninguén que fixera cine en lingua galega e daquelas non había ningún tipo de subvencións que nos permitira sacar adiante os proxectos, tíñamos que financiarnos nós mesmos.

Tivo algún problema co réxime franquista polo uso do galego?

Coa película ‘O documento’ tiven problemas porque o réxime secuestrouma porque estaba en galego. Tivera que ir á comisaría e todo. Daquelas había moitos problemas de censura porque non interesaba que se fixeran este tipo de cousas en galego.

Todas as películas que rodou están en lingua galega?

Si, aínda que nalgunhas teñen fragmentos en ‘castrapo’ porque era como Ánxel Fole escribía e gustábame conservar a lingua que usaba.

Como ve hoxe o galego no ámbito do cine?

Agora o cine non é o como cando eu o estaba facendo, hai máis diñeiro e os medios xa non son igual, melloraron moito.

Antes que medios utilizaban para gravar?

Eu usaba unha cámara coa que non se podía ver o que gravabas ata varios días despois. Só se rodaban as tomas unha ou dúas veces e non sabíamos se saían ben ou m al. Hoxe, no momento podes rodar cantas veces queiras e xa sabes como saen.

Pensaron en facer algo en conxunto polo cine en galego?

Queríamos facer unha industria galega de cine entre varios. Rodáronse varias curtametraxes que produciu Victor Rupen. Incluíanse obras como ‘Fendetestas’, ‘O pai de Migueliño’ e ‘O Cadaleito’. Íase facer unha curtamentraxe pero todo fracasou.

Que foi o que non funcionou?

Non contábamos con ningún apoio institucional, e non só iso, senón que se nos poñían moitas trabas e censurábase o noso traballo. Hoxe hai estudos cinematográficos e máis medios.

Que opina das xornadas de historia que se organizan en Foz?

Paréceme unha iniciativa moi boa. Foi a primeira vez que colaborei e a verdade é que non contaba que me chamaran, sorprendeume que contaran comigo.

Enrique Baixeras:''O réxime franquista censurou a película 'O...
Comentarios