lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Enquisas e soños de verán

Un dos maiores pasatempos do verán, e máis cando o verán vén frío e chuvioso, é soñar. A práctica do que ben seguro é o oficio máis vello do mundo reporta extraordinarios beneficios para a saúde ao devolvernos predios de felicidade que nos foron roubados ou que talvez nunca existiron. O exercicio do soño debera ser ensinado nas escolas. A súa aprendizaxe converteríanos en felices soñadores e prepararíanos para facer fronte a unha realidade por veces hostil. Mais ese, o da escola, é outro conto.

 

Nestes días estacionalmente indecisos e empeñados en nos lembrar a nosa condición atlántica tiven, unha tarde de lecer, un soño político (no sentido etimolóxico do termo, enténdase, non un pesadelo). Soñei que vivía nunha ‘sociedade perfecta’ na que se me consultaban todas cantas decisións podían afectar ao meu benestar. Na polis recibiamos periodicamente enquisas nas que se nos consultaba acerca do noso nivel de satisfacción persoal e das dimensións exactas, naquela altura, das nosas liberdades individuais. Tales liberdades foran garantidas tamén mediante enquisas dirixidas ao conxunto da poboación —coa recomendación expresa de seren contestadas unicamente polos maiores de idade—, que os gobernantes empregaban, unha vez procesadas, para deseñar as súas leis conforme á lexítima vontade da cidadanía. Deste xeito decidimos cuestións coma os tipos de interese, a idade penal, os límites de velocidade, e deseñamos ademais o sistema sanitario, os plans de urbanismo ou a lei de dependencia. As cidadás e os cidadáns puidemos configurar igualmente o currículo do nosos fillos, permitindo así a erradicación de materias consideradas de escaso interese ou perniciosas para a súa formación, así como decidir a lingua na que podían ser impartidos cada día os diferentes contidos.

 

Espertei do meu soño de verán unha tardiña fresca de agosto. A sociedade soñada esfarelábase conforme abría os ollos e das decisións tomadas tan só quedaba un vago e pesado recordo que se ía confundindo coa realidade do meu arredor. Fóra agardábame un escenario recoñecíbel no que aínda estaba vivo o rescaldo dunhas enquisas, estas reais, que proxectaron un espellismo de liberdade nunha sociedade desorientada e un tanto incrédula. Tamén neste caso as consultas levaban impreso o carimbo da liberdade, mais ao contrario do que acontecía no soño, nin sequera tiñan como obxectivo construír un mundo feliz nin lograr unha harmonía inxenua, senón encirrar confrontación absurda que semella o sinal de identidade duns novos tempos que agoiran retrocesos importantes no estatus da lingua galega no ensino e noutros espazos públicos.

 

Intentei agarrarme ao que quedaba daquel soño estival, pero a realidade levárao lonxe coa súa forza implacábel.

Enquisas e soños de verán
Comentarios