Enerxía

 O pasado sábado emitiron no sempre recomendable programa “La noche temática” de La 2 dous interesantes documentais sobre a producción enerxética mundial centrados na dependencia do petróleo e nas fontes alternativas coas que se ven traballando nos últimamente e, dende outro punto de vista, na relación entre a xeración de enerxía e de combustibles e o poder político. Supoño que non debeu ter moita audiencia porque tiña que competir coas análises da actuación de Rodolfo Chiquilicuatre que “botaban” en case tódalas cadeas e porque a xente nova –á que máis podería interesarlle o tema- estaba de copas a esas horas.

Os medios de comunicación adoitan reflictir a imaxe de que Lugo é un territorio adicado á agricultura e habitado por persoas ou moi ancianas ou moi subsidiadas. Sempre saímos como os que teñen as pensións máis baixas, a media de idade máis alta... Ben, pois resulta que Lugo é unha auténtica potencia (nunca mellor dito) na producción de enerxía eléctrica. Lembren que o encoro de Belesar foi, non hai tanto, o de máis capacidade de España. Pensen tamén en toda a rede de minicentrais asociadas ás cauces do Miño e do Sil que se espallan polo noso territorio... E eso só en canto a producción hidroeléctrica.

No Saviñao están rematando a posta en funcionamento da pranta de xeración de enerxía solar de maior tamaño de todo o estado. En Vilalba están os aeroxeneradores máis grandes e de máis potencia que hai dende Almería á Coruña e de Huelva a Girona. Vaian pola comarca que vaian desta nosa provincia verán ó lonxe e ó non tan lonxe moreas e moreas de muiños de vento que en vez de gran moen electricidade. E eso que A Mariña, a zona na que máis sopla o vento, é aínda territorio relativamente virxe para as empresas eólicas. E, por certo, se teñen ocasión visiten o parque experimental de Sotavento, en Xermade; merece a pena.

Non debemos esquecer, pese ós moitos detractores que teñen –empezando polo comandante Chávez- os biocombustibles. Unha parte cada vez maior do moito millo que se colleita en Lugo estase a adicar xa a facer biodiesel para coches, camións e tractores.

Temos, pois, unha importantísima producción enerxética e que cada vez irá a máis. Mesmo se ten falado de aproveitar os refugallos das pizarreiras do Courel para dar enerxía.

Ben. Pois por moita enerxía limpa, alternativa e saudable que produzamos, ó final os habitantes de Lugo habémola pagar igual ou máis e os que agora se lucran co petróleo hanse lucrar mañá co vento, o sol e o millo. Xa o verán

Comentarios