Endgame (final de partida)

C ANDO estaban instalando un baluarte de asalto na Praza Maior de Lugo, para a celebración do Arde Lucus, unha señora chamou ao seu home para que se achegase a ver o que ela cría que era unha guillotina. Certo que estaba confundida porque, a pesar de que os romanos foron crueis como poucos (só hai que recordar os espectáculos con gladiadores e as escabechinas que fixeron cos pobos conquistados), non chegaron a usar esta máquina de matar, que se faría tristemente popular moitos séculos despois, durante a Revolución Francesa. Foi un tráxico final para un movemento que empezou movido por elevados ideais, como liberdade e fraternidade. Pero poucas revolucións son capaces de levar a cabo as súas reformas sen que medie un baño de sangue ou sen instaurar unha ditadura peor que o réxime ao que substituíron. Os acampados do 15-M na Praza Maior xa non chegaron a ver os artiluxios de época romana; marcharon a tempo antes de que se degradara o ideal. A protesta comezou como un berro de indignación e de desexo de cambio e terminou en algúns lugares con un pequeno grupo de intolerantes agredindo a destra e sinistra a todo o que se movía. Aí está a sorpresa dos dirixentes comunistas, nacionalistas e doutro signo que pensaron que por considerarse simpatizantes terían mellor trato. Cando se desatou a furia, non houbo respecto para nada nin para ninguén. Vendo os sucesos de Barcelona, parecía que estaban protagonizados polos mesmos que aproveitan que o Barça gaña ou perde un partido, ou tal vez que hai un cumio de ministros europeos para disfrazarse de tupamaros e esnaquizar escaparates. Digamos que o movemento reivindicativo dos indignados, que empezou sendo protagonizado polos elementos mui lúcidos da sociedade (principalmente mozos cunha excelente formación e limpos ideais) acabou envolvido por unha forza cega que cometeu o mesmo erro que calquera outro totalitarismo: crer que actuaban en nome de todo o pobo, e que este estaba a pedir unha gran catarse, mesmo unha destrución total do tecido social para volver empezar.

Pero a realidade é tozuda porque, no entanto, actuando como corpo electoral, ese mesmo pobo bótabase en mans da dereita, que disimula a súa mensaxe pero que cando chega ao poder (véxase Gran Bretaña; é mui pronto, Portugal) embárcase nunha política de axuste que fai tremer os cimentos do estado do benestar. Pero as clases medias prefiren un Estado tacaño antes que arruinado. Só así se entende que aquel entusiasmo que espertou o movemento dos indignados entre os españois, incluidos tantos bempensantes, se extinguira nada mais sospeitar que entre eles se agochaba algún Robespierre, disposto a cortar cabezas.

Comentarios