lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

Encontro de culturas no Camiño chairego

Grupo en Vilalba
Grupo en Vilalba
A impresión xeralizada dos peregrinos que realizan o Camiño Norte é a de agradecemento coa xente que atopan. Así mesmo, aqueles que viven no propio itinerario móstranse hospitalarios e xenerosos cos camiñantes.

Nunha ocasión comentou Paulo Coelho que Santiago de Compostela non era a fin do camiño, senón que o comezo do mesmo. Como queira que sexa, día a día sucédese, ás beiras das estradas, a presenza dun andar enérxico, sen tempo a parar pero sen ignorar nin un só elemento do contorno. Milleiros de peregrinos inician a súa andaina dende distintos lugares, pero todos cun obxectivo conxunto: chegar á tan ansiada Compostela.

A Terra Chá vive os seus días atravesada polo Camiño Norte, concretamente entra por Galgao, parroquia pertencente a Abadín, continuando polo municipio vilalbés e polo de Begonte ata chegar ao de Guitiriz. As catro etapas que conforman este paseo pola Chaira son para os peregrinos, como Pilar, de Badajoz, «una experiencia muy enriquecedora, aunque muy dura, especialmente en el tramo anterior a Abadín», e é que non é chan todo o que reloce, por moito que o nome desta extensa comarca o indique.

O tramo que comprende a etapa 28, de Lourenzá a Abadín, é un lixeiro pero constante ascenso ata que se acada o Alto da Xesta. A queixa máis frecuente daqueles que realizan esta ruta é a falta de servizos dende Mondoñedo ata chegar ao núcleo abadinense, aínda que se compensa coa paisaxe que ofrece a zona de montaña pola que discorre, así coma «la buena gente que nos vamos encontrando, que siempre intenta ayudar y guiar si nos ven muy perdidos», comenta Mar, quen realiza o Camiño coa súa amiga Laura, ambas de Barcelona. Estas dúas compañeiras de andaina viron como o seu grupo foi aumentando co paso dos quilómetros. A elas uníronse Eva, de Alemaña; María, de Polonia; Pilar, de Badajoz; e Anatol, de Moldavia.

O asfalto que invade a orografía do país dificulta, en certa medida, unha experiencia á que a inmensa maioría de peregrinos califica como «digna de vivir una vez en la vida, al menos».

En canto aos albergues, na Terra Chá atópanse cinco, tres de titularidade pública e dous privados. O primeiro que atopan os que realizan o Camiño cando entran en terreo chairego é o da parroquia abadinense de Gontán, propiedade da Xunta de Galicia. Aberto dende xuño de 2007, conta con 26 prazas dispoñibles durante todo o ano. A un quilómetro e medio atópase Abadín, capaz de ofrecer unha maior rede de servizos, como supermercados, centro médico e bares e restaurantes.

Establecementos onde tomar un refrixerio, ou dous, atópanse ao longo de todo o percorrido, caracterizado pola sinxeleza do mesmo e polo pouco esforzo físico que supón, ata chegar á capital chairega.

Xa en Vilalba, son dous os albergues propiamente ditos. Un de carácter público, que ofrece 48 prazas «muy bonito y muy bien conservado; lo malo es que está algo lejos del centro», comenta Eva, de Polonia. Mais no centro, concretamente na rúa das Pedreiras, está o albergue privado Castelos, en funcionamento dende este mesmo ano. Conta con 38 prazas á disposición de calquera usuario, xa que a súa actividade non está centrada exclusivamente en satisfacer as necesidades dos peregrinos, aínda que si fortemente orientada cara a eles.

Vilalba ofrece a todos os que ata ela se achegan numerosas ofertas, como a ineludible visita á Torre dos Andrade, a praza e a igrexa de Santa María, a área da Madalena ou o Museo de Arqueoloxía e Prehistoria.

Cando toca abandonar o berce do capón e do queixo de San Simón da Costa, o camiñante avanza en dirección a Baamonde, non sen antes pasar por San Xoán de Alba, A Torre e Insua, todas elas parroquias vilalbesas, con diversos bares e restaurantes onde degustar a gastronomía da terra.

Xa en Guitiriz, o único albergue presente neste municipio atópase na parroquia de Santa Locaia de Parga, que naceu da man de Helena Pais, este mesmo ano. Ela mesma recalca a importancia que supón a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. «Aunque de momento no se pueden ver los efectos directos de este nombramiento, sin duda es una manera de darlo a conocer y seguramente atraerá a muchos más peregrinos», afirma Helena. Aínda así, «el Camino lo hace el peregrino y la gente que vive en él, por lo que hay que conservarlo, no inventarlo», continúa dicindo, xa que existe o temor a que se convirta nunha «área comercial», como calificou Javier Varela, secretario da Asociación Amigos da Etapa 31, presidida pola propia Helena, polo que está fortemente ligada a este punto de apoio ao peregrino.

As dez prazas das que dispón, un bar no que abastecerse de comida e bebida ata fartar, e un trato familiar por parte dos responsables deste establecemento son as bazas polas que moitos deciden quedar a pernoctar en Santa Locaia sen chegar a completar a etapa no mesmo día. Outros, en cambio, deciden continuar ata Miraz, pertencente a Friol, ou ata Sobrado dos Monxes, un dos enclaves máis importantes da ruta polos seus monumentos.

Se en algo coinciden todos os que realizan o Camiño Norte é no regalo máis prezado que aporta esta experiencia: a de coñecer outros peregrinos, contarse segredos a medida que avanzan os quilómetros percorridos e continuar o camiño xuntos ata Compostela. Unha rede social das que poucas quedan, cuns lazos que unen aos máis altos niveis.

Así lles aconteceu a Salvador Serra, de Igualada, en Barcelona, e Antonio Aladrén, de Zaragoza. Dende que comezaron a camiñar na Porta de Brandeburgo, en Berlín, non se separaron en ningún momento. «Nos ayudamos mutuamente cuando alguno de nosotros tiene problemas», afirmaron ámbolos dous. Tamén quixeron destacar a dificultade de realizar a ruta xacobea dende Alemaña, pois a falta dun itinerario único «nos hizo recurrir a GPS o a la ayuda de la gente, toda ella muy amable; en España se debería aprender también de Europa», comentaba Antonio.

Aínda que a inmensa maioría llo recomendaría a algún coñecido, o certo é que «ya nos tarda un poco llegar a Santiago», como di Laura, de Barcelona. «Después de tantos días haciendo kilómetros llega un momento en el que estás deseando acabarlo, aunque no te importaría volver a hacerlo, en otro momento», reafirma a súa amiga Mar entre risas.

Chegar ao destino que se marcaron vai acompañado dun sentimento de pena e, ao mesmo tempo, de satisfacción «por ir superándonos día a día», di Pilar. Esta namorada do Camiño continúa a súa andaina cuns amigos que non esperaba atopar. Será a maxia que ten.

Encontro de culturas no Camiño chairego
Comentarios