martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

En vías de extinción

(*)

SEGUNDO DATOS recentemente feitos públicos, en trinta anos (aproximadamente) asistiremos á desaparición da última persoa galegofalante. Estes datos son congruentes cos da Consellería de Educación que mostran un incremento dos e das que se manifestan bilingües pero, así mesmo, ratifican o descenso da cidadanía galega galegofalante. Un paradoxo, os galegos e as galegas prefiren expresarse, maioritariamente, nunha lingua que non é a galega, aínda tendo esta ao seu dispor.

Semella que no noso país continuamos coa lacra de valorar mais o de fóra que o propio e esta posición, que se vén arrastrando dende hai séculos, acadou o desiderátum da moda, a moda perpetua. Se cadra é que falamos unha lingua que non é de marca, ao mellor é que non vale para falar do que ocorre neste novo século tan moderno, pode ser que a lingua galega quedase anticuada para expresar as emocións que os novos tempos nos deparan, probablemente a moza ou o mozo cos que queremos ligar nos rexeiten por empregar unha lingua tan rancia, mesmo puidese ocorrer que o ordenador, a tablet ou o móbil se colguen ao introducirlles un código tan obsoleto. En síntese, vai quedando claro que unha vida vivida en galego é unha vida fanada, unha vida de moi baixa calidade, unha oportunidade perdida de vivir mais intensa e gozosamente. Se eu obtivese estas respostas dos meus interlocutores galegos non-galegofalantes por propia vontade podería concederlles que levan algo de razón, pero non, non obteño ningunha argumentación, se cadra escoito que, obviando a realidade próxima, o que vive en España debe falar español (lémbrese o eslogan dos seareiros do Partido Popular nas eleccións xerais de 1996: «Pujol, enano, habla castellano») .

Se fose certo que para ser español ou española de maneira plena hai que empregar a lingua de Castela, tería que empezar a pensar se val a pena seguir gozando de tal privilexio. Ben puidese ocorrer que cunha independencia (polo menos temporal) adubada coas estratexias acaídas se corrixise a tendencia á desaparición da lingua na que algúns coma min precisamos existir. Aínda que a Constitución española non contempla a figura da independencia temporal dunha parte do reino, ao mellor sendo os galegos e as galegas xente de natural tranquilo, pacífico e pouco espelido (véxase a recente corrección do Drae), mesmo nos deixan unha tempada sos, seguros da nosa inocuidade.

Se non acadamos a independencia temporal, como se explica anteriormente, e tendo en conta que polas súas manifestacións públicas o señor conselleiro está que baila de satisfacción co estado e a evolución da lingua, teremos que pensar que a xente coma min (os e as galegos e galegas que falamos galego) pasaremos a constituír unha especie en perigo de extinción e daquela gozaremos dos beneficios que o marco legal vixente establece a tal efecto e da solidariedade das organizacións ecoloxistas. Non sería ecolóxico que non nos desen os mesmos beneficios que aos lobos que enchen o bandullo coas reses dos gandeiros, ou aínda mellor, que aos osos que chuchan o mel nas colmeas dos Ancares.

Cando digo que moitos galegos e galegas estamos a nos converter nunha especie en perigo de extinción non realizo ningunha esaxeración. Vivir en Galicia non é sinónimo de vivir en galego, pois é ben sabido que isto último consiste nun xeito de estar no mundo, un modo de existir característico e singular, unha maneira de sentir propia da que é testemuña a mesma fala. Por outra banda pódese vivir en Galicia, ou sexa, residir aquí, da mesma maneira que se pode residir en Zamora ou se se quere unha paisaxe semellante, en calquera localidade do norte da Península, certamente xa non falaremos de persoas galegas senón que, empregado a súa fala, serán gallegas. En sentido contrario, pódese residir fora de Galicia e seguir vivindo en galego (aínda que non resulta doado).

Se cadra son acaídas as palabras de Wittgenstein cando define os xogos de linguaxe e introduce o concepto «forma de vida», afirmando que «imaxinar unha linguaxe é imaxinar unha forma de vida.(...) Falar unha linguaxe é participar nunha determinada forma de vida cun determinado modo de pensar e de vivir. A forma de vida, como actitude fundamental da persoa que fala, está implicada no uso da linguaxe».

(*) Se mantiene el idioma original del artículo.

En vías de extinción
Comentarios