En las tetillas

A historia escrita do ser humano componse de elementos que reflicten realidades obxectivas e constatables e doutros sobre os que pode haber certo consenso pero que non está demostrado que aconteceran tal e como se nos narran. Un exemplo témolo nas ensinanzas da catequese. Así, danse por verídicos presuntos feitos da vida de San Paulo ou de Xudas Tadeo e constitúen a base de moitos principios cristiáns aínda que non estean comprobados. Nese caso, e sen chegar a seren mitos, ten máis peso o que trascendeu ós libros de Historia que o que realmente aconteceu.

Por contra, hai aspectos que son irrefutables pero que non teñen o peso histórico que si acadan os anteriores. Dese xeito, cando nos ensinaban a persignarnos, o cura explicaba aquelo de dios nuestro, en las tetillas e así sabemos dende tempo inmemorial que hai que levar a man ós pectorais cando facemos o sinal da cruz.

Temos, pois, que a suposta vida de San Paulo se troca en realidade fundamental mentres que o feito verdadeiro de persignarse queda nun cuarto ou quinto plano. Este mesmo fenómeno podémolo atopar na valoración que as distintas forzas políticas fixeron sobre os Presupostos Xerais do Estado (PXE) para 2009 e os cartos que estes destinan a Lugo e a súa provincia.

Igual que aconteceu dende a chegada da democracia, a oposición considera escasasas cantidades aportadas e o partido do Goberno estímaas máis xenerosas que nunca. Cómpre lembrar tamén que ó BNG sempre lle parecerá pouco, aínda que a inversión do Estado en Lugo fose do 110 por cento do total.

Co trasfondo da crise económica, das inundacións en Andalucía, do inicio da Champions League e dos preparativos do San Froilán, o debate primeiro e o cruce de declaracións entre goberno e oposición despois quedaron escurecidos e non recibiron toda a atención que merecían por parte dos lugueses. E non debera ser así xa que estes orzamentos determinarán en boa medida os prazos nos que teremos a nova ponte, o CETAL en funcionamento, as autovías a Santiago e Ourense e outra serie de infraestruturas e servizos fundamentais para o desenvolvemento desta nosa terra.

Segundo a forza e convicción que cada grupo político poña na súa mensaxe teremos que a valoración positiva ou negativa dos PXE se presentará como realidade (igual que a vida de San Paulo) aínda que a súa base real sexa nula. Pero en las tetillas, é decir, no Boletín Oficial do Estado, é onde reside a única realidade. Consúlteno e verán quen esaxera e quen racanea na valoración dos orzamentos.

Comentarios