En Galicia, en castellano

Eu faría o mesmo. Despístalos. Marealos coma perdices, agora que comeza a tempada de caza, e aniquilalos igual que fixeron na nosa casa unha vez cun pavo: emborrachalo para que rematase dando voltas arredor de si facéndolle así máis levadeira a extinción. Deixaríalles todo o licor café que desexen para que, embriagados, rosmen e berren alterados contra o que, no seu delirium tremens, son hordas de españois a colonizalos.

Faría o que fai a Rosa Díez: proclamar ben alto e claro que me importa menos ca nada a identidade dos galegos. Faría o que fai Galicia Bilingüe: convertirme en víctima da “imposición lingüística do galego”. Faría o que fai Tojeiro (no o do Cola-Cao, se non o de Gadis e Reganosa): explicarlle aos galegos como deben vivir e o que lles convén. Faría coma máis da metade dos deputados da Xunta de Galicia: esquecerse do que é falar galego e do que eles decidiron bautizar Celga e poñer nun altar o “touriñés”. Faría o mesmo que fai a RAG e evitar sacar dunha vez por todas un diccionario (actualizado) que toda lingua debería ter, con greleiros e buenos incluídos (se teñen integridade abondo apra facelo). Faría como La Voz de Galicia, que máis ca galega parece voceira de segundo que intereses empresariais.

Eu, de querer rematar cun pobo faría por xogar con eles nun tableiro, xa non de xadrez se non de parchís, porque o que conta a día de hoxe non é a intelixencia se non comer aos demais e contar vinte ou trinta, pasar por riba deles, gañar cartos á súa costa e contribuír á degradación consentida. Porque cada vez que reaccionamos ás súas provocacións centrámonos no que a eles lles apetece e xiramos coma Xil Ríos arredor da mesma roda unha e outra vez, a roda do muíño que se chama lingua, que se chama identidade, que se chama medio ambiente, que se chama política, que á fin e ao cabo, se chama cartos.

Eu, despois de ver o sábado a 700 persoas manifestarse  pola “libertad lingüística”, vou deixar de facerlle caso a todas esas provocacións, de supeditarme a eles e a deixar de facerlles xogo por texiversadores e por mentireiros. Galiza, Galicia ou o que che pete chamarlle é algo máis ca lingua, pero tamén é lingua, sobre todo é lingua e identidade e cultura (e medio ambiente e oportunidade de negocio e moito máis). E non digo que o que non estea de acordo con todo isto é menos galego, non, o que digo é que é menos coherente, e iso é un indicativo de saúde mental.

Comentarios