En directo

SUAVIZAR, adobiar, disimular, ou mesmo subvertir unha situación dura, ou crudel, ou arrepiante, é o que se chama eufemismo. Nalgunha ocasión nos referimos aquí aos danos colaterais ou ao fogo amigo, e ainda nos queda por falar da quinta columna, naturalmente aplicando tais conceptos, ou os seus correspondentes clichés, a acontecimentos un tanto alonxados da ciencia militar, da que son debedores. Ultimamente contamos con duas destacadas aportacións: calificar a emigración dos traballadores mozos como sinxela mobilidade social, e asegurar que marchar a traballar fóra non se pode calificar de emigración, sempre que sexa dentro da Unión Europea, duas pérolas que se deben á enxeñosa ministra de Traballo, ao progresista señor Gonzalez Pons e á simpática señora Cospedal.

Pero hoxe tocan as marabillas da comunicación audiovisual, un verdadeiro manatio de inspiración. Observamos, ao principio cun certo asombro, e logo xa amilagrados, unha coñexion en directo coa xa emblemática praza Taksim de Estambul, onde desde hai días prodúcense fortes enfrontamentos entre os manifestantes e as forzas policiais. Naturalmente a presenza de medios de comunicación estranxeiros é numerosa, tanta que lle permitiu ao primeiro ministro meterlles a culpa da axitación, unha reacción que por estes lares se coñece moi ben, e xa non digamos se nos remitimos ao periodo ominoso, ou sexa aquel que, segundo informaban os xornais, as forzas da orde pública ameazadas por unha manifestación ilegal -eran todas-, vianse obrigadas a facer disparos intimidatorios ao ar, como consecuencia dos cais, rexistrabanse varias baixas por arma de fogo.

Mais na referida praza, logo dos paus e dos canóns de auga, a policia empregou gases lacrimóxenos, como mostran perfectamente as imaxes que transmite o telexornal da primeira cadea da televisión pública española, lucindo a correspondente a oportuna mascariña xa que, segundo explica, tais gases producen irritación na gorxa e nas fosas nasais, razón pola cal transmite a sua crónica co tocado protector, polo que non se lle entende praticamente nada do que di. Quizais se trataba de gases selectivos, capaces de afectar aos molestos periodistas estranxeiros, porque detras da locutora pasan e repasan pola praza, perto dela e lonxe, ducias de persoas sen nengunha protección e mesmo algunhas en bicicleta, que observan coa mesma curiosidade que nós, a escena. Mesmo chegamos a pensar se non estaremos no comezo dun novo estilo televisivo, tendo en conta que hai unha colega sua dos fins de semana, que produce o mesmo efecto locutivo tocada unicamente cun dentrifico sorriso, ou sexa sen máscara de nengunha caste, ainda que iso si, é preciso aguzar o ouvido e aumentar o volume. Algo, pois, que conta con aboenza, como o recurso a solicitar aplausos dun público inexistente, fenómeno moi abundante hai anos no medio. Asi pois nesta ocasión optouse pola crueza como antónimo do eufemismo, pois que se xulgou, como profesionais, que tal era o valor noticiable, ainda que se excederon no atrezo.Deberon reparar nas aparicións perante a prensa dos médicos: gravata e bata branca, e ao redor do pescozo o fonendo identificador e ás veces santificador. E nada máis.

Comentarios