En directo

CO PASO DO TEMPO o nivel de vida tense igualado entre as clases sociais. Na Idade Media non tiña nada que ver como vivía o señor no seu castelo e os servos que traballaban para el. No Antigo Réxime a división entre nobres, eclesiásticos e o pobo era radical, como tamén o era a miseria que afectaba a todos excepto a minoría privilexiada. Pouco a pouco a situación foise equilibrando, ata chegar a sociedades con unha ampla clase media con un nivel de confort semellante. Outra consecuencia menos estudada, pero igualmente importante, é a da igualdade entre territorios, nomeadamente entre as grandes metrópoles e as pequenas cidades ou o rural. Penso que a vida cotiá en París e Londres hai un século tiña que ser moi diferente á de calquera cidade ou vila galega.

Eu mesmo, cando empecei a viaxar ao estranxeiro ou a cidades como Madrid ou Barcelona, notaba esas diferenzas; tamén lembro que unha película de estreo tardaba un ano en chegar a Galicia e que conseguir un libro editado en Inglaterra ou Francia podía ser cousa de dúas ou tres semanas, recurrindo a importadores intermediarios. Hoxe en día a cousa cambiou radicalmente. Unha das consecuencias positivas da sociedade globalizada é que pon ao noso dispor calquera servizo, case ao tempo e nas mesmas condicións que se estiveramos en Nova Iorque. Poño como exemplo que a partir da semana que ven a programación da Royal Opera House de Londres vai ser retransmitida en directo ás salas de cine de todo o mundo. Tamén en Galicia, polo menos en cidades como Lugo ou Vilagarcía, poderemos asistir a este espectáculo de elite; de ter éxito a iniciativa, podería estenderse a outro tipo de eventos e daría nova vida aos multicines. Naturalmente, non é o mesmo ver in situ unha ópera como ‘Macbeth’ ou ‘Rigoletto’ (as primeiras de esta programación) que contentarse coa gran pantalla.

Igual que o afeccionado deportivo pode considerar ver un partido no Bernabeu ou no Nou Camp como unha experiencia relixiosa, seguramente o amante da música quererá, unha vez na vida, desprazarse ata Covent Garden, un antigo mercado londinense reconvertido en complexo lúdico e cultural que atrae diariamente a milleiros de persoas, e onde ducias de artistas improvisan na rúa os seus espectáculos a cambio dunha que outra moeda. Aquí está situada a Royal Opera House, un templo para os amantes deste xénero que leva funcionando uns trescentos anos. Como sucedeu coa maioría dos edificios londinenses, foi pasto do lume en varias ocasións, pero o tesón inglés foi quen de poñelo en pé de novo ata ter estas espléndidas instalacións.

Posiblemente para os tempos que veñen a gran diferenza entre as grandes metrópoles e as pequenas poboacións estará no acceso a este tipo de espectáculos, unha vez que a crise nos fixo baixar da nube e convencernos de que non é posible ter palacio da ópera en cada cabeceira de comarca. Para os que non teñan facilidade para viaxar, retransmisións como a que estou a citar, servirán para igualar aínda máis os hábitos culturais dos cidadáns das urbes grandes e das máis modestas. Será cousa boa, porque como acaba de declarar Ricardo Mutti, a cultura e a beleza poden salvarnos do naufraxio.

Comentarios